O domingo poderemos comezar a resintonizar as canles da TDT nos nosos televisores

mércores, 22 de outubro do 2014 Redacción

A vindeira fin de semana imos experimentar varios cambios pois, non conformes con ter que padecer o cambio de hora, o domingo será o día no que se inicien as actuacións para a liberación do dividendo dixital, o que supón a resintonización das canles da Televisión Dixital Terrestre (TDT) en todos os fogares españois e, en cartos casos, actuacións puntuais para adaptar as antenas á nova situación (para o que haberá axudas públicas). Para permitir que esta adaptación poida ser paulatina, até fin de ano as canles de televisión afectadas emitiran simultaneamente na súa frecuencia actual e na que manterá o ano que vén, de xeito que durante varias semanas poderemos ter canles repetidas no nos televisor.
Este cambio na frecuencia das canles televisivas realízase para liberar a banda que vai dos 790 aos 862 MHz (actualmente ocupada polas canles UHF do 60 ao 69) coñecida como dividendo dixital, que para o ano que vén comezará a explotarse por parte dos operadores de telefonía móbil, o que permitirá un importante espallamento da telefonía 4G e, especialmente, que as comunicacións mediante esta tecnoloxía poida ter unha maior penetración nos edificios que as frecuencias LTE que se están a empregar actualmente.
Deste xeito, a partires do vindeiro domingo podemos realizar a sintonización das novas frecuencias, recomendándose a realización desta tarefa o antes posible, xa que as vellas non se conservarán na totalidade de programas da TDT (por exemplo, as emisións en alta definición non realizarán simulcast). No caso de precisar de intervencións en antenas recoméndase contactar cun instalador autorizado o antes posible, xa que están a rexistrar unha alta demanda, polo que hai casos nos que será difícil que poidan atender a todos os seus clientes antes do remate do ano.
Dende o operador de cable R lembran aos seus clientes que de contar con descodificador da compañía non teñen que preocuparse deste cambios, mentres que para a recepción da TDT a través da súa infraestrutura só teñen que preocuparse da sintonización das canles no seu televisor, xa que non sería precisa a adaptación das súas antenas.

PUBLICIDADE