O documental Tesouro de Corcoesto confirma a viabilidade do crowdfunding galego

martes, 3 de marzo do 2015 Fernando Sarasketa

A creadora do documental galego Tesouro de Corcoesto, do que falamos en Código Cero con motivo da súa presentación nos primeiros Encontros 2.0 de Santiago, vén de informar do importante fito acadado pola súa obra a través das técnicas do micromecenado (ou crowdfunding), unha fórmula de financiamento que consiste en xuntar a través das novas tecnoloxías achegas económicas particulares para a consecución dun proxecto. Neste caso concreto, o proxecto en cuestión foi o propio documental, e o éxito logrado en materia de apoios para a produción sitúa o devir de Tesouro de Corcoesto (dende a súa orixe mesma) como experiencia pioneira en Galicia. Así cualifica o proxecto Cora Peña, a directora do documental, unha investigación sobre o polémico plan para habilitar unha mina contaminante en Bergantiños.
Segundo engade, o sistema elixido de produción (financiamento por micromecenado) resultou ser “un xeito de garantir o bo fin do proxecto e unha mirada independente sobre un tema tan candente e polémico, cruzado, ademais, de información confusa, en ocasións alarmante, noutras contraditoria”. Ao seu xuízo, boa parte do éxito sen precedentes acadado débese ao interese da cidadanía polos devanditos acontecementos, unido ao feito de que dende o principio se amosase a intención de prestarlle voz aos principais afectados.
O resultado foi, a través da plataforma goteo.org, a consecución de 8.500 euros a través de 180 colaboradores/produtores, entre persoas e colectivos, unha listaxe que reforza o carácter participativo e social do documental, segundo opinan os seus creadores. Dito noutras palabras: a fórmula de recadación de apoios pola que se apostou rematou por deixar pegada no resultado final, coma se o espírito crítico que adoita ser propio das comunidades de ciberactivismo ficase intacto e dese aínda máis azos ao propio espírito crítico da directora da obra.
Por certo que o documental inicia agora un periplo de exhibición con pases gratuítos por salas de toda Galicia, co punto de saída no Centro Galego de Artes da Imaxe, CGAI (rúa Durán Loriga, 10 baixo. A Coruña). Será este xoves 5 ás 20.30 horas. Formará parte da sección Creadoras Galegas de Imaxe, organizado polo Consello da Cultura Galega. A proxección irá acompañada de presentación e coloquio a cargo da súa directora, Cora Peña.

PUBLICIDADE