O detector de chuvia aceda das Aulas Tecnópole, finalista en Jóvenes Investigadores 2014

luns, 21 de xullo do 2014 Redacción

Os mozos investigadores na súa visita recente a Los Ángeles

O certame estatal Jóvenes Investigadores 2014, convocado polo Instituto da Xuventude do Goberno central, ten presenza galega. Máis polo miúdo a de Queila Bouza, Miguel Gómez e Jorge Cordero, os mozos responsábeis dun proxecto de detector de chuvia aceda en solos e plantas, desenvolvido ao abeiro das Aulas Tecnópole e agora recoñecido como finalista no devandito certame estatal. Lembrar que o proxecto, cuxo funcionamento permite que o usuario reciba unha alerta no seu dispositivo tecnolóxico (móbil, tablet ou computador) cando detecte na chuvia un pH inferior a 5, foi amosado o pasado mes de maio na feira Intel International Sciencie and Engineering Fair de Los Ángeles (EE.UU.), en palabras da Tecnópole “un dos eventos máis grandes do mundo sobre traballos de ciencia e tecnoloxía a nivel preuniversitario”.
Como dixemos, a iniciativa de Queila, Miguel e Jorge foi desenvolvida no marco das Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia. Asemade, participou na última edición de Galiciencia, onde acaparou a atención de participantes e visitantes.
Segundo informa a Tecnópole, o certame Jóvenes Investigadores celébrase dende hai case tres décadas desta volta rexistrou un récord de proxectos presentados: 346 traballos de estudantes de entre 15 e 20 anos de toda España (sobre os 287 do ano 1997, a maior cifra rexistrada ata agora na historia do concurso). “Isto”, engaden fontes do Parque Tecnolóxico de Galicia, “incrementa o mérito dos estudantes das Aulas Tecnópole ao conseguir situarse entre os 40 proxectos seleccionados como finalistas para competir no Congreso Jóvenes Investigadores, que terá lugar en Madrid a finais de setembro”.
Volvendo ao traballo de Queila, Miguel e Jorge, dicir que o seu proxecto xurdiu do seguinte obxectivo compartido: comprobar de primeira man os efectos da chuvia aceda sobre plantas e solos, construíndo a partir de aí “un sistema que permitise detectala e verificar a efectividade dos metais de sacrifico como o magnesio para contrarrestar os seus efectos”. Os investigadores optimizaron o seu proxecto integrando un dispositivo electrónico programado mediante un medidor de pH. Como dixemos, o seu funcionamento permite que o usuario reciba unha alerta no seu móbil, tablet ou ordenador cando detecte na chuvia un pH inferior a 5, o que representa valores asociados á chuvia ácida. “Isto”, informan, “permitirá tomar a decisión de aplicar o magnesio aos cultivos desde o momento en que hai risco de dano e non de maneira preventiva, o que suporá un mellor control dos custos asociados a este método”.

PUBLICIDADE