O canon dixital podería ser ilegal por aplicarse indiscriminadamente

martes, 11 de maio do 2010 Marcus Fernández

Verica Trstenjak, avogada xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea

A compensación por copia privada coñecido popularmente coma canon dixital podería ser ilegal tal e como está a aplicarse en España segundo conclúe Verica Trstenjak, avogada xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, sobre o caso que enfronta á SGAE e á compañía de soportes audiovisuais Padawan, S.L., por negarse esta última a pagar o gravame á entidade de xestión de dereitos de autor. Segundo a avogada comunitaria a directiva sobre dereitos de autor de 2001 recolle a «compensación equitativa» por copia privada, pero iso non permitiría a súa aplicación indiscriminada como estase a facer n España.
No caso da SGAE e Padawan, a entidade de xestión reclama o pagamento de 16.759,25 euros correspondentes a dispositivos e soportes vendidos entre setembro de 2002 e setembro de 2004, e a Audiencia Provincial de Barcelona decidiu preguntar ao Tribunal europeo sobre se o sistema de gravame español é conforme coa directiva comunitaria, e se a SGAE pode reclamar a compensación por todos os dispositivos comercializados ou só polos destinados á copia privada. Haberá que agardar agora á resolución do Tribunal de Xustiza da U.E. (pois o criterio da avogada xeral non é vinculante) e as súas repercusións en España.

PUBLICIDADE