O caderno galego Vadebarcos, mellor blog de Motor de 2015

luns, 25 de abril do 2016 Redacción

A bitácora Vadebarcos, do galego Juan Oliveira, vén de ser recoñecida como o mellor blog do ámbito do Motor de 2015, distinción concedida polo xornal 20 Minutos, que cada ano visualiza cun certame de múltiples categorías os espazos en liña máis referenciais (e máis votados). O propio Oliveira recolleu o galardón na gala celebrada no centro social e cultural da Fundación La Caixa en Madrid, a semana pasada. Segundo fixo saber o autor do dito caderno en liña e reflicte Diario de Ferrol (en cuxo suplemento Nordesía colabora o blogueiro distinguido), “trátase dun premio a un traballo continuo levado a cabo nos últimos tres anos”.

Juan Antonio Oliveira recollendo o premio. Fotografía de Jorge París para 20 Minutos

Oliveira, que na gala quixo estender o recoñecemento aos colaboradores da bitácora (Javier Paredes e Bruno Hervás), lembrou que o seu caderno, e boa parte dos blogs en xeral, son un bo xeito de “divulgar contidos que non chegan ao gran público”.
Vadebarcos, como lembraremos, é unha bitácora en liña de divulgación semanal, centrada no ámbito naval e funcionando non só como un medio de comunicación referente neste eido marítimo, senón tamén como un acubillo de claves sobre como está a evolucionar o deseño, desenvolvemento e construción de buques.

PUBLICIDADE