O avogado David Maeztu avalía en Santiago a problemática do anteproxecto que daría vieiro libre aos troianos policiais

venres, 25 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

O avogado David Maeztu comezou os relatorios das xornadas do CPETIG asegurando que para un comunicador do eido das novas tecnoloxías e o eido xudicial-policial, as dúbidas impóñense sobre as certezas (as preguntas, dixo, axudarán a crear información de valor ao respecto). Falou do concepto de troiano e de cousas que están por vir e que xeran, precisamente, inquietudes e incertezas, como o proxecto (o borrador do anteproxecto de Código Procesual Penal) para tirar partido de programas troianos nos procesos de rastrexo de información de posíbeis delitos, ou o uso hipotético de datos e contrasinais para acceder a equipos ou servidores dende os órganos policiais.
Os medios sobre os que se aplicarían estas prácticas arestora en valoración son o computador, os dispositivos electrónicos, os sistemas informáticos e as bases de datos. Na súa opinión, investigar un computador a distancia (dun xeito estudado polo miúdo previamente, co fin de garantir os dereitos básicos dos cidadáns) pode ter certas vantaxes, sobre o papel, principalmente á hora de evitar os trastornos causados a persoas inocentes, que as hai, que teñan descargado material ilegal por descoido (por exemplo pornografía infantil) e que teñan actuado de xeito neglixente para borralo. En definitiva, evitaríase o traslado de corpos policiais a un domicilio, un despregamento de efectivos ben visíbeis que pode ser moi prexudicial (polo que ten de criminalización na contorna onde reside o investigado) para todos aqueles cidadáns que non sexan culpábeis de delito algún, alén dunha simple neglixencia.
Isto sobre o papel, porque na práctica a cousa cambia. Deste xeito, Maeztu tamén recoñeceu que hai moitas cuestións do anteproxecto que lle crean certa alarma e preocupación, por exemplo fálase de esixir a colaboración de terceiros para estes rexistros (por exemplo o técnico que subministra programas) e ademais créase un escenario de posíbel violación de dereitos fundamentais dos cidadáns, como o da intimidade e o do secreto nas comunicacións, co envío destes programas policiais. Tamén existe esta dúbida: poderanse rexistrar os correos protexidos por lei enviados e recibidos entre un avogado e o seu cliente? Outra pregunta que nos podemos facer, é como se vai levar a cabo o procedemento de enviar e instalar un troiano? “Imos enganar á persoa investigada?”, preguntoulle tamén ao público. Ademais, haberá persoas as que non lles sexa posíbel colaborar e, por outra banda, bótase por terra calquera expectativa de privacidade que teñamos con relación aos nosos dispositivos conectados. Outra pregunta: que software haberá que empregar? E outra: que confianza vai xerar despois o provedor ou os desenvolvedores que acheguen o miolo dese software? Na súa opinión, tamén hai dúbidas sobre se será auditábel, xa que se non é auditábel, dixo, non é confiábel.


O relator

Lembrar que Maeztu, licenciado na Universidade da Rioxa, é un avogado especializado en dereito de Internet e propiedade intelectual e tecnoloxía, eidos que tratou fondamente durante a súa experiencia como responsábel do departamento de Propiedade Intelectual e Novas Tecnoloxías do Bufete de Avogados Ruiz de Palacios e Asociados de Logroño. Por outra banda, Maeztu é colaborador da organización Creative Commons España (unha entidade sen arela de lucro cuxo cometido é aumentar a calidade de contido cultural, docente e científico dispoñíbel nos comúns, o conxunto de obras que o público pode compartir e usar libre e legalmente) e membro da xunta directiva da Asociación de Usuarios de Linux de A Rioxa. Ten participado nunha chea de congresos arredor da programación aberta e o alcance da propiedade intelectual, e dende o blog de seu (Dereito e Normas) achega cada pouco reflexións sobre cuestións ligadas aos devanditos eidos e dun xeito accesíbel para os que non son expertos en novas tecnoloxías e dereito.
Como dixemos, a cuestión tratada por Maeztu nas xornadas de Santiago foi o borrador do anteproxecto de Código Procesual Penal, polo que a policía podería usar troianos para investigar computadores e tablets. Ao seu xuízo, a dita reforma suporía a posibilidade de que cando se estean a investigar delitos de especial gravidade, póidase intervir o computador do investigado para, mediante un software específico, coñecer o contido deste. Isto implicaría o uso de troianos que rastrexen o equipo e envíen a información fóra, aos equipos dos investigadores, “unha medida complexa de implementar pero que podería pór en risco a intimidade persoal dos usuarios”. Tamén expón que, de levarse á práctica, debera ter carácter puntual para solicitar información concreta e non deixar o programa instalado indefinidamente.

PUBLICIDADE