Factura electrnica

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

O audiovisual galego recibe o apoio económico de AGADIC

luns 5 de abril do 2010, por Raquel Noya | | Compartir | |

A Consellería de Cultura e Turismo, no marco da súa liña de axudas ao audiovisual galego que por segundo ano consecutivo xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), vén de convocar as subvencións anuais á produción de curtametraxes e de videoclips na nosa Comunidade por un importe total de 200.000 euros. Trátase da primeira doazón, dun total de seis, que conformarán o programa de apoio económico deste ano, que ascende a un orzamento total de 7,1 millóns de euros.
As entidades e organismos beneficiarios das subvencións á produción de curtametraxes poderán ser produtoras audiovisuais independentes, con sucursal ou oficina permanente en Galicia, que presenten proxectos de filmes –de ficción ou documentais– cunha duración inferior a 30 minutos e en versión orixinal galega. Neste apartado, as bases publicadas o 31 de marzo no DOG (Diario Oficial de Galicia) establecen diferentes modalidades canto ao soporte, técnica e código narrativo dos traballos: curtas gravadas en soporte cinematográfico (imaxe real), de animación tamén en soporte cinematográfico e proxectos innovadores ou experimentais en soporte dixital.
En canto aos videoclips, AGADIC apoiará a realización de relatos audiovisuais “que acompañen ou promovan unha produción discográfica de música galega, realizados a partir da colaboración entre empresas audiovisuais e discográficas”.
Tanto no caso das curtametraxes como no dos videoclips, o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 30 de abril.
O obxectivo destas subvencións, das que o ano pasado se beneficiaron un total de 13 produtoras para a realización de 14 proxectos, é apoiar a novos creadores galegos, impulsar a incorporación das novas tecnoloxías e promover o uso do idioma galego nas obras audiovisuais.
Segundo veñen de informar dende a Consellaría de Cultura, o programa de axudas ao sector audiovisual 2010 “completarase proximamente coas sucesivas convocatorias dirixidas á produción ou coprodución de longametraxes en lingua galega e con decidido contido artístico, á creación audiovisual para a escrita individual de guións e a realización de curtametraxes e longametraxes en soporte dixital, ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, ao desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega e á amortización dos custos de produción de longametraxes cinematográficas, telefilmes e documentais de interese cultural galego”.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS