O apagamento analóxico chegará a 110.000 galegos máis a semana que vén
mércores 17 de marzo do 2010, por |
Preto
de 110.000 galegos máis incorporaranse, durante as vindeiras xornadas, á
televisión dixital terrestre (TDT) tras os apagados analóxicos programados
para os próximos 22, 23 e 24 de marzo encadrados na terceira e última fase que
se está a levar a cabo estas semanas.
Neste sentido, o luns 22
producirase o apagado analóxico nos concellos de Ribeira de Piquín, Vilalba e
Pol, que afectará arredor de 18.000 habitantes tras o cese do sinal nos
emisores analóxicos Ribeira de Piquín, Ribeira de Piquín I e Vilalba, situados
na Área Técnica do Páramo.
O propio luns levarase a cabo,
tamén, o apagado do sinal analóxica nos emisores Cañiza e Carril, situados na
Área Técnica de Domaio, e que implicará a chegada da emisión dixital aos
concellos da Cañiza, Covelo e Vilagarcía, podendo gozar da TDT outros 10.108
galegos.
A continuación, o martes 23,
volverase á Área Técnica do Páramo, procedéndose ao cese analóxico dos emisores
Becerreá, Conforto, Pontenovo, Pontenovo I, Vilameá, San Paio e Viveiro. Este
apagado permitirá a chegada do sinal dixital a máis de 34.000 galegos dos
concellos de Becerreá, A Pontenova, Viveiro e Ourol.
Por último, xa o día 24 levarase
a cabo o apagado dos centros emisores Meis e Moaña, o que permitirá a difusión
da TDT nos concellos de Meis, O Grove, Cambados, Ribadumia, Portas, Barro,
Moraña e unha parte de Moaña, cun total de 45.578 habitantes.
Unha vez rematados estes acendidos dixitais, a terceira e última fase de
incorporación á TDT rematará o vindeiro venres, 2 de abril, co fin da
transmisión de sinal do restos dos centros da Área Técnica do Páramo e de
Domaio. Na do Páramo, o apagado analóxica afectará a 45 concellos máis, que
suman 273.992 habitantes, namentres que na de Domaio outros 694.000 galegos de
31 concellos distintos incorporaranse ese día á TDT.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















