O Zulo volve á carga coa décima edición do seu encontro Kernel, en Mugardos en setembro

venres, 31 de maio do 2013 Redacción

A Asociación Comunidade O Zulo confirmou estes días dende a súa web a celebración en setembro da décima entrega do seu Ciberencontro Kernel Concello de Mugardos. A cita será do 19 ao 22 de setembro, na vila mugardesa que lle serve aos integrantes do Zulo de eixe de operacións para as súas actividades de divulgación, fomento e desenvolvemento de software libre. Na nova edición da xuntanza (o evento tecnolóxico por excelencia da comarca de Ferrolterra) confirmou tamén a súa participación o Concello de Mugardos, a través da Concellería de Cultura. O vindeiro 1 de xullo abriranse as inscricións ao décimo aniversario do Kernel no sitio web da asociación.
A directiva, un ano máis, decidiu manter os prezos da inscrición: 8 euros para socio/as da Comunidade e 10 euros para o público en xeral. Amais do devandito, a asociación tamén confirma a súa concorrencia activa na celebración do Software Freedom Day, que volve coincidir co desenvolvemento do seu encontro Kernel (é o 21 de setembro).
Como lembraremos, o Kernel é un evento lúdico-tecnolóxico que se celebra en Mugardos dende o ano 2004. Organizado conxuntamente pola Asociación Comunidade O Zulo e o Concello de Mugardos, asisten dende escolares de 15 anos até profesionais avanzados das novas tecnoloxías libres, pasando por un amplo abano de usuarios da programación aberta. Segundo ten apuntado a organización, trátase dun encontro especialmente axeitado para persoas directamente relacionadas coa tecnoloxía, os xogos e a Rede na súa vertente máis aberta. “Sentimos paixón polo software e a cultura libre”, sinalan os organizadores, “así que se queres aprender ou ensinar swlibre, no Kernel terás oportunidade de coñecer a moita xente con intereses comúns”.

PUBLICIDADE