O Zulo e o Concello de Mugardos organizan este sábado a súa xornada sobre cultura libre

venres, 18 de novembro do 2016 Redacción

A Comunidade O Zulo con base en Mugardos e máis o Concello organizan esta fin de semana, o sábado 19, unha nova edición dos seus encontros de tecnoloxías abertas, dirixidos a facer fronte común arredor da importancia de eliminar barreiras para os recursos informáticos e amosar os moitos beneficios de apostarmos dende todas as frontes (a nivel persoal, empresarial e institucional) polo software non privativo. A Xornada de Software e Cultura Libre é un evento de balde cuxo obxectivo, en palabras de O Zulo, é “achegar a tecnoloxía a tódalas franxas de idades, dende os máis pequenos ata maiores”. Abordaranse múltiples cuestións prácticas relacionadas coa cultura sen cancelas, dende radio e fotografía a, por suposto, electrónica e tecnoloxías informáticas.
Nun plano máis concreto, o programa abrangue as seguintes actividades: Smartphonografía : Obradoiro de fotografía con teléfonos móbiles (imparte Xela Rodríguez, de 10.30 a 13.30 horas, na Biblioteca Pública de Mugardos), Iniciación á electrónica con Arduino (imparte Rafa Couto, en horario de 10.30 a 13.30 horas, na Oficina de Información Xuvenil), Podcast e ficcións sonoras (imparte Jorge Lama, de 16.30 a 19.30 horas, na Biblioteca), Obradoiro de electrónica básica para cativos (imparte VermisLab, de 16:30 a 18:30, de novo na Oficina de Información Xuvenil), Virtualización de contedores Docker en Raspberry Pi para contornas Drupal (imparten Christian López e Diego Carracedo, a partir das 12.30 no salón de plenos do consistorio) e Xornada de traballo comunidadeozulo.org, migración a Drupal 8 (imparten Javier Cartelle e Alberto Permuy, en horario de 11:00 a 13:00 – 17:00 a 19:00, no salón de plenos do consistorio). Tamén haberá unha mesa redonda ás 20.00 horas, no salón de plenos do Concello, a desenvolver baixo o seguinte epígrafe: A tecnoloxía no movemento asociativo en Mugardos.
Amais do devandito, outro dos obxectivos destas xornadas é “convidar a tódalas asociacións de Mugardos para poñer en común o uso e necesidades da tecnoloxía”. Ademais, tentarase procurar puntos de encontro para traballar “en vindeiros proxectos comúns”.

PUBLICIDADE