O Samsung Galaxy Note7 sairá á venda o 9 de setembro

mércores, 24 de agosto do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro día 9 de setembro vai saír á venda en España o agardado smartphone Samsung Galaxy Note7, considerado como o teléfono máis avanzado do mercado até o momento, e que para dar conta das súas posibilidades presentouse hoxe na cidade da Coruña, onde realizáronse demostracións aos medios de comunicación para que se soubesen mellor os detalles que fan deste produto un teléfono extraordinario que até o vindeiro día 30 poderá reservarse vía web ou a través de numerosas cadeas comerciais beneficiándose así o comprador un adaptador Gear VR sen custo adicional, que permite converter o smartphone nun sistema de realidade virtual bastante cómodo e solvente.
O novo smartphone vai poder adquirirse en cor negra ou azul en numerosos establecementos, mentres que o modelo en cor prata será exclusivo da propia Samsung e do operador Vodafone, sendo o prezo de venda recomendado do dispositivo de 859 euros.
Estamos ante un terminal que case podería considerarse como un Samsung Galaxy S7 edge ao que se lle engadiu un lapis dixitalizado (o S Pen) e tecnoloxía de detección de iris (que complementa á xa popular identificación de pegadas dixitais), de xeito que estariamos ante un dispositivo da familia Note moi superior ao que estamos afeitos, pois sería a primeira vez que incorpora pantalla curva, resistencia á auga e incluso un conector de carga USB-C, chamado a converterse no conector do futuro, e que destaca principalmente por ser reversible (aínda que Samsung tivo a delicadeza de incluír na caixa do teléfono un adaptador para poder empregar os accesorios e cables que funcionan cun vello conector micro-USB co novo terminal.
Aínda que a estética coidada do Note7 é unha das súas características máis salientables, estamos realmente ante un smartphone moi potente, cunha grande autonomía (a súa batería é de 3.500 mAh), cunha xenerosa capacidade interna (de 64 GB que pode ampliarse mediante tarxetas microSD de até 256 GB), con medidas de seguridade que o converten nun dispositivo ideal para a empresa e con resistencia á auga IP68, que sorprende por aplicarse tamén ao S Pen, ou sexa, que non só a rañura para gardar o lapis é resistente á auga, senón que o propio lapis dixitalizador pode empregarse co smartphone tanto mollado como somerxido, como puido verse en vivo na Coruña, sendo posiblemente a prestación que máis captou a atención dos presentes.
A pantalla Super AMOLED de 5,7 polgadas é tamén un dos puntos fortes do dispositivo, por ofrecer unha imaxe nítida que incluso é visible en exteriores, e por integrar incluso tecnoloxía HDR que facilita a reprodución de vídeos con cores máis vivas e negros máis profundos, o que estamos comezando a ver nos últimos televisores UHD e que Samsung quixo achegar tamén aos seus teléfonos, distanciándose así dos seus competidores con innovacións como esta. A tecnoloxía de pantalla tamén permite detalles tan prácticos como o Always On Display, que permite amosar información en pantalla como a hora ou as notificacións sen ter que espertar o teléfono e, aproveitando que estamos ante un smartphone con lapis, tamén facilita que poidamos realizar anotacións importantes que poderemos ver de inmediato ao agarrar ao móbil, evitando así que se nos esqueza unha tarefa importante.
O móbil non esquece a carga sen fíos, a tecnoloxía de pagamentos Samsung Pay, a seguridade de Samsung Knox, e numerosas ferramentas de sistema para tirar proveito do S Pen e da curvatura dos laterais da pantalla, pero esta cantidade de detalles non fai que coide menos un dos elementos máis valorados actualmente polos usuarios: a cámara. O Note7 está á altura do Galaxy S7, e conta con cámaras de 13 e 5 Mpíxeles cunha apertura F/1.7, o que supón unha luminosidade moi boa, coa que non pode competir practicamente ningún móbil doutras compañías, e que incluso poden dar máis de si grazas a unha das fundas dispoñibles para o Note7, a Lens Cover, que facilita a colocación dun teleobxectivo ou dun grande angular fronte a cámara traseira do teléfono, permitindo así posibilidades habitualmente afastadas dun smartphone.
En calquera caso o usuario medio estará máis interesado noutros tipos de fundas para o Note7, como a Backpack (que integra unha batería externa de 3.100 mAh e que incluso é resistente á auga), a Keyboard Cover (que permite engadir un teclado QWERTY físico ao teléfono, a Clear View Cover (funda semitransparente dispoñible en varias cores), a LED View Cover (que presenta iconas LED para personalizar as notificacións do teléfono) ou incluso a S View Standing Cover (funda protectora que tamén serve como soporte do teléfono, o que agradécese á hora de consumir contidos audiovisuais sen ter que ocupar as mans).
En definitiva, que o Galaxy Note7 consegue deixar unha boa impresión en quen o proba, converténdose probablemente no principal competidor do Galaxy S7 edge, quedando Samsung como a marca tras a que estaría a parella de smartphones máis completos e potentes até o momento.

Poder empregar o S Pen debaixo da auga é toda unha sorpresa
Para captar imaxes a certa distancia tamén é posible acoplar un teleobxectivo ao Note7
Quen reserve o Note7 con antelación recibirá sen custo adicional as novas Gear VR para así poder gozar da experiencia de realidade virtual máis avanzada en dispositivos móbiles
Tanto o Note7 como o S Pen contan con resistencia á auga

ACTUALIZACIÓN (25-8-2016): Inicialmente publicamos que o terminal poríase á venda o 2 de setembro, pero finalmente esa data só será para algúns países europeos, e no caso español haberá que agardar unha semana máis na meirande parte dos puntos de venda.

PUBLICIDADE