O SERGAS contará co apoio de Red.es para consolidar o uso das TIC na sanidade

xoves, 12 de setembro do 2013 Redacción

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura do convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Red.es e a Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde para o desenvolvemento de servizos públicos electrónicos no sistema sanitario público de Galicia cun plan de traballo entre 2013-2015. Este convenio enmárcase dentro da Axenda Dixital para España aprobada no Consello de Ministros o pasado mes de febreiro como novo plan estratéxico nacional no ámbito das TIC.
O investimento do convenio marco que recolle esta actuación ascende a un importe máximo de 15 millóns de euros, 12 deles con cargo aos fondos europeos FEDER do período de programación 2007-2013, mentres que os outros tres millóns de euros son aportados pola Consellería de Sanidade.
As principais liñas de actuación deste convenio son a dotación de infraestrutura tecnolóxica, que abrangue tanto a subministración e instalación de infraestrutura TIC coma os servizos asociados. Está previsto incluír dentro dela as necesidades tecnolóxicas do novo hospital de Vigo, así como a consolidación da historia clínica electrónica e a receita electrónica. Outra das grandes actuacións do convenio está enmarcada no eido de atención a enfermos crónicos, a través do desenvolvemento de produtos TIC especificamente orientados a mellorar a atención que o Sergas presta a estas familias.
Ademais, o convenio recolle actuacións de difusión, actuacións para a xestión e seguimento das iniciativas realizadas, e actuacións para o fomento do uso do DNIe como mecanismo de identificación no SERGAS.

PUBLICIDADE