O Portal da Transparencia do Goberno recibiu 629 peticións de información

martes, 13 de xaneiro do 2015 Redacción


Logo do seu primeiro mes de vida, o Portal da Transparencia do Goberno emitiu xa os seus primeiros informes de actividade. Para comezar, foi obxecto xa de 629 preguntas ou solicitudes de información dos internautas e, a maiores, de 1.720.135 visitas. Estas cifras acadáronse entre o 10 de decembro e o 8 de xaneiro. Ao comezo do período chegouse a unha media diaria de 50 peticións de datos, baixando a taxa, co paso dos días, a unha media de 20. Segundo indica o Goberno, o Ministerio de Facenda está a acaparar a meirande cantidade de demandas de información, e ségueno Presidencia e a Casa Real.
Como lembraremos, o portal comezou a funcionar o pasado 10 de decembro con máis de 530.000 rexistros accesíbeis de datos sobre a Administración Xeral do Estado, dos que 30.000 figuran pendurados directamente e o resto son ligazóns a páxinas doutros organismos. Por outra banda, o portal botou a camiñar sendo obxecto de críticas, sobre todo porque bota man de tecnoloxías que achegan certas dificultades para o común da cidadanía, como por exemplo o eDNI. De feito, a persoa que queira facer unha consulta terá que utilizar o DNI electrónico, un certificado dixital da Fábrica de Moeda e Timbre ou un contrasinal fornecido polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a través do sistema Clave.

PUBLICIDADE