O Patrimonio cultural galego xúntase nunha nova páxina web

martes, 10 de marzo do 2009 Marcus Fernández

A Consellaría de Cultura e Deporte vén de poñer en marcha a plataforma en Internet da Dirección Xeral de Patrimonio que reúne os recursos na Rede sobre patrimonio cultural galego, Patrimonio.org, páxina web que conta con información práctica e de actualidade, fotos, vídeos, lexislación, rutas e un buscador de elementos patrimoniais.
Este espazo nace coas fichas de 122 dos máis destacados elementos do patrimonio cultural galego. Castelos, pazos, pontes, igrexas, mosteiros, patrimonio etnográfico, castros, gravados rupestres, megálitos, patrimonio industrial, museos, arquivos e demais elementos do patrimonio forman parte desta base de datos de bens patrimoniais, detallándose en cada un a súa descrición, así como información sobre os seus valores históricos e artísticos, fotografías, o grao de protección do ben e outros datos de interese. Os bens aparece localizados nun mapa, e explícase cómo se chega ata os mesmos na práctica.
A nova web tamén conta cun espazo para rutas culturais, con propostas de percorridos por varias comarcas galegas para coñecer os seus elementos patrimoniais máis destacados, descargables en PDF ou tamén coma ruta para dispositivos GPS. Tamén figuran as últimas novas da Dirección Xeral, así como unha axenda de actividades, e os avisos e convocatorias (premios, subvencións, etc.) relacionadas co patrimonio cultural.
Patrimonio.org pretende tamén ser unha ferramenta para que os cidadáns e cidadás poidan advertir sobre calquera incidencia ou agresión ao patrimonio a través dun formulario de contacto.

PUBLICIDADE