O Parlamento de Galicia amosa o seu apoio ao dominio .gal

xoves, 26 de xuño do 2014 Marcus Fernández

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, por unanimidade dos partidos políticos representados na Cámara, unha declaración institucional na que recoñece o logro da obtención do dominio .gal e a súa importancia para o desenvolvemento da Internet en Galicia. O Parlamento sinala que o .gal será beneficioso non só para a lingua e a cultura na Rede, senón tamén outros ámbitos, entre os que salienta o das empresas. O texto inclúe a petición para que o Parlamento solicite un dos dominios pioneiros que o Rexistro activará o día 25 de xullo. No acto, que tivo lugar ás dez da mañá no pazo do Hórreo, estiveron presentes algúns dos membros da xunta directiva da Asociación PuntoGal, a entidade que solicitou e agora xestiona o novo dominio.

Membros da xunta directiva da Asociación PuntoGal estiveron hoxe presentes durante a declaración institucional do Parlamento

O dominio .gal, aprobado tras máis de sete anos de traballo e coas sinaturas de apoio de doce mil cidadáns e 110 entidades; presentou a primeira web creada baixo o seu sufixo, dominio,gal, a véspera do Día das Letras Galegas, aproveitando este espazo para informar do proceso do Programa Pioneiros .gal e das distintas fases para o rexistro dos dominios. O programa Pioneiros permitiralles a ata un número máximo de noventa empresas ou entidades ter un dominio .gal activo o día 25 de xullo e, funcionando de maneira exclusiva, ata case finais de ano.
A Asociación PuntoGal está mantendo estes días xuntanzas con partidos políticos e institucións vencelladas ao mundo da lingua, a cultura e a sociedade, entre as que figura a Real Academia Galega (RAG) ou o propio Valedor do Pobo, para explicarlles a importancia o dominio e as posibilidades que se abren coa súa posta en marcha.
Velaquí a declaración institucional aprobada hoxe polo Parlamento de Galicia:

O Parlamento de Galicia quere recoñecer publicamente o grande logro que supón para o noso pobo a consecución do dominio .gal e darlle os parabéns á Asociación PuntoGal polo traballo, entusiasmo e dedicación para acadar este obxectivo.
Ter un dominio propio é un paso importante para a Comunidade, que agora ten unha marca propia que identifica a nosa lingua e cultura en Internet e que lle dá unha maior visibilidade aos contidos escritos en galego nesta plataforma. É unha ferramenta chave para potenciar o uso do galego na internet, dotar a nosa cultura dun novo instrumento para aumentar a súa visibilidade e facilitar que as empresas gañen en proximidade co público galego.
Por este motivo facemos un chamamento a todas as institucións, asociacións e persoas para que se involucren na posta en funcionamento do dominio.
Singularmente o Parlamento de Galicia declara a súa vontade de incorporarse ao programa Pioneiros desta iniciativa, e ofrecer todo o apoio á asociación PuntoGal no labor de difundir este proxecto e contribuír a facer visible a nosa lingua e cultura e situar Galicia no mapa mundial das comunicacións por internet.
A deputada Ana Pontón foi unha das impulsoras da declaración institucional que fixo hoxe o Parlamento de Galicia
A Asociación tamén está a manter contactos con entidades como o Valedor do Pobo para informar sobre as vantaxes de gozar dun dominio .gal

PUBLICIDADE