O Parlamento Europeo defende que só un xuíz poida limitar o acceso á Rede
mércores 6 de maio do 2009, por | |
| Compartir |
O Parlamento
Europeo continúa a ser o campo de batalla no que certas entidades pretenden
limitar a liberdade dos usuarios da Internet en Europa coa aprobación de leis
que permitan levar adiante outras medidas nos distintos países da Unión (como a
lei dos tres avisos que querían
establecer en Francia), e nos últimos días escribiuse un novo capítulo desta
novela concluíndose que non
se imporá «restrición algunha aos
dereitos e liberdades fundamentais dos usuarios finais sen unha resolución
previa das autoridades xudiciais».
Deste xeito, a iniciativa de Nicolas Sarkozy para cortar a conexión dos
internautas que descarguen contidos protexidos polo copyright sen unha orde
xudicial quedaría fóra da lexislación europea, e a Eurocámara non cedería ás
presións de Francia e dos EE.UU. (que son os estados que pedían as medidas máis
radicais nestes ámbitos). Pero este non é o último capítulo do Paquete Telecom no que estaban as
medidas propostas, senón que agora abrirase un período de conciliación e os
gobernos deberán negociar co Parlamento Europeo, polo que a
nova normativa non verá a luz nesta lexislatura.
Agárdase
que en setembro volva a repetirse esta polémica que ameaza con facer
perigar a neutralidade da Internet defendida polos usuarios, que non só temen
medidas contra o P2P, senón tamén que as operadoras establezan distintas
tarifas de acceso á Rede segundo o uso que fagamos da nosa conexión, ou incluso
que poidan facer que uns contidos carguen máis rápido que outros, o que faría
perigar a Internet tal e como a coñecemos.
Curiosamente este asunto nin
sequera conta cunha posición unánime dentro dos partidos políticos,
e dos eurodeputados do PP, 4 votaron a favor da emenda que garante os dereitos
dos usuarios, 3 votaron en contra e 8 abstivéronse. Agardemos que no futuro
haxa un maior apoio aos cidadáns fronte ás empresas de xestión de dereitos de
autor e compañías de telecomunicacións.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














