O Ministerio de Interior premia a seguridade de Caixa Galicia
mércores 17 de marzo do 2010, por |
A Xefatura Superior de Policía de Galicia vén de concederlle, esta mesma
mañá, unha dobre Mención Honorífica de
categoría A aos departamentos de Seguridade e Seguridade Informática de
Caixa Galicia, a máxima condecoración coa que o Ministerio de Interior
distingue aos equipos de seguridade privada que destacan o cumprimento do seu
deber.
Este premio, que recoñece publicamente a traxectoria profesional e o
esforzo de Caixa Galicia, foille concedido á banca galega por dotarse dun
sistema de seguridade de primeiro nivel, que protexe eficazmente tanto a
clientes como a empregados e que elimina os riscos que poden afectar ao
patrimonio, imaxe e operativa da entidade.
Caixa Galicia, que é a institución financieira con presenza nacional con
menor índice de atracos, posúe un modelo de avaliación de risco exclusivo para
cada oficina, o que lle permite, segundo informa o seu director de seguridade,
Andrés Martín, “medir o nivel de exposición
ao risco de atraco de cada un dos empregados e ofrecerlles un protocolo de
actuación persoalizado en caso de emerxencia”.
No tocante ao ámbito da seguridade informática, Caixa Galicia caracterízase
por “extremar os aspectos relacionados con
este tipo de seguridade para os seus clientes” o que se traduciu na
primeira banca electrónica de España en obter a certificación de calidade ISO
20000 que certifica que a tecnoloxía da entidade posúe excelentes niveis de
fiabilidade, seguridade e calidade.
No
ano 2006 Caixa Galicia, que nos últimos anos non recibiu
ningún ataque informático, foi a primeira entidade en incorporar o envío
ao teléfono móbil da coordenada de acceso aos seus sistemas, o que lle permitiu
ser unha das entidades con menor número de fraudes.
Asemade, a incorporación do novo DNI electrónico nos
seus sistemas tamén permitiu reforzar, aínda máis, a seguridade ante calquera
tipo de fraude fomentando a confianza nas transaccións electrónicas.
Agora Caixa Galicia acaba de obter a
certificación de calidade ISO 20000 para todos os
seus caixeiros automáticos e reducíu a cero o spam recibido.
Os
investimentos en tecnoloxía da caixa galega, que conta con máis de 800 oficinas
en todo o mundo, ascenden a preto de 193 millóns de euros, que serviron para
mellorar a tecnoloxía propia (equipos, instalacións, redes, proxectos informáticos…)
e converterse nunha das plataformas tecnolóxicas máis desenvolvidas de Galicia
e España.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















