O GPUL arranca esta semana un hacklab para dar forma a unha impresora 3D

martes, 21 de outubro do 2014 Redacción

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL, vén de presentar unha interesante actividade para expoñer en detalle os segredos da impresión en 3D e traballar en común arredor dela, un feixe de tecnoloxías emerxentes que implican a materialización de obxectos en tres dimensións mediante a impresión por superposición de capas sucesivas. E todo, en circunstancias normais, máis barato e eficaz que calquera outra tecnoloxía de fabricación por adición. A actividade do GPUL, que xirará arredor dos fortes vencellos da impresión en 3D co software e o hardware libres, arrancará este xoves 23 ás 16.30 horas na aula 2.0b da Facultade de Informática da Coruña.
Trátase dun HackLab de Impresión en 3D e o obxectivo fundamental é dar formar a un aparello destas características. A maiores, a idea básica que traslada o GPUL con esta actividade é a de crear un grupo de traballo cooperativo de carácter aberto e fomentando a aprendizaxe autónoma e cooperativa de tódolos membros. Xa temos operativa a ligazón para inscribírmonos.

PUBLICIDADE