O Consello da Xunta deu o seu visto e prace a novos ciclos formativos tecnolóxicos

xoves, 18 de xullo do 2013 Redacción

Consello da Xunta celebrado hoxe

Durante a xuntanza semanal no Goberno galego recibiron a aprobación os currículos do grao medio correspondente a varias titulacións adaptadas ás necesidades dos sectores produtivos de Galicia por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, entre os que queremos destacar os de técnico superior en Animación 3D, Xogos e Contornos Interactivos e o de técnico superior en Mantemento Electrónico.
O grao superior correspondente ao título de técnico superior en Animación 3D, Xogos e Contornos Interactivos busca capacitar aos seus alumnos en actividades profesionais propias da animación 2D e 3D e os contidos multimedia interactivos, abordando as actividades relacionadas co deseño, a conceptualización e a planificación dos proxectos e a súa execución. Estas actividades relaciónanse co cine, o vídeo, a televisión, o DVD, os videoxogos, a Internet e novos sectores emerxentes (como as producións para móbiles). Busca así formar a animadores, intercaladores, modeladores 3D, grafistas, xeradores de espazos virtuais, técnicos de efectos especiais 3D, integradores de multimedia audiovisual, desenvolvedores de aplicacións e produtos audiovisuais multimedia, técnicos en sistemas e realización en multimedia e editores de contidos audiovisuais multimedia.
Pola súa banda, o ciclo de grao superior en Mantemento Electrónico busca atender a demanda de titulados especializados na supervisión, reparación e mantemento de infraestruturas e equipamentos de telecomunicacións, sistemas de seguridade electrónica, redes de comunicación, equipamentos de domótica e inmótica, sistemas de telefonía, equipamentos de son e imaxe, sistemas informáticos e equipamentos electrónicos industriais.

PUBLICIDADE