O Concello de Brión supera os 1.100 amigos no seu primeiro ano en Facebook

mércores, 24 de marzo do 2010 Raquel Noya

O Concello de Brión, un dos que máis se move para que ningún recuncho dos seus lindes quede sen facer uso das novas tecnoloxías, tamén quixo aproveitar as vantaxes que ofrecen as redes sociais en Internet e hai un ano creou a súa propia conta en Facebook, onde xa ten rexistrados un total de 1.114 amigos.
A iniciativa, que xurdiu para “promocionar Brión e ofrecer un lugar na Rede onde os residentes no concello, e tamén os que xa non viven nel, poidan comunicarse e compartir as súas experiencias coa xente que ten Brión como elemento común”, vén de facer un ano, e o éxito acadado é tal que os alumnos de informática para maiores do Concello tamén se sumaron a esta moda, demostrando que as relacións en liña non teñen idade.
O seu profesor, Antonio Casal, explica que “estabamos a practicar coa creación e envío de e-mails, empezaron a recibir invitacións de familiares e coñecidos a sumarse ao Facebook e houbo que ensinarlles”.
De feito, os alumnos xa están plenamente integrados nesta rede social, que aproveitan para relacionarse non só cos outros alumnos do curso senón tamén con familiares e amigos. “Hai alumnas que aproveitan o Facebook para falar cos seus fillos ou con familiares que están noutros países”, explica Antonio Casal.
Asemade, segundo sinala Julio Mallo Nieto, técnico municipal de novas tecnoloxías e coordinador deste Facebook, o Concello de Brión emprega a miúdo esta rede social para dar a coñecer as actividades que se organizan dende os distintos departamentos municipais e, ao mesmo tempo, para pulsar a opinión que os veciños teñen sobre as mesmas. De feito, o sitio dispón tamén dun foro, denominado Exprésate, no que cada mes se sube unha fotografía sobre a que poden opinar todos os usuarios. A temática é moi variada e vai dende se se deberían restaurar as Torres de Altamira ata o estado do IES de Viceso.
Asemade, o Facebook do Concello de Brión tamén recolle álbumes de fotos dos monumentos e aldeas do municipio xa que “a idea inicial coa creación deste Facebook era promocionar os recursos do concello, aínda que tamén estamos vendo que é unha ferramenta moi interesante para xente que leva anos fóra de Brión e que aproveitan este foro para coñecer novidades sobre o municipio”, sinala Julio Mallo.
O Concello de Brión, segundo asegura Mallo Nieto, “foi o primeiro municipio da bisbarra en contar con perfil en Facebook”, ao que tamén se pode acceder dende a páxina web municipal e do redor desta iniciativa xurdiron outros grupos de usuarios que se xuntaron ben por lugares (tanto por urbanizacións como por parroquias, onde destaca o grupo de Bastavales con 160 membros) como por afinidades (seguidores da viaxe da mocidade ou dos intercambios Brión-Guillena).

PUBLICIDADE