O CiTIUS reta aos estudantes da USC a deixar pegada en materia de programación

xoves, 27 de febreiro do 2014 Redacción

O potencial creativo dos nosos estudantes é grande, e dende o centro CiTIUS sábeno ben. Con todo, tamén entende que ás veces o mellor xeito de permitir que ese potencial abrolle é “poñéndoo contra as cordas”. Nesta liña é onde se insire a súa nova actividade: unha serie de desafíos tecnolóxicos para estudantes da Universidade de Santiago, principalmente futuros programadores. O paquete de retos, que se van comezar a lanzar hoxe mesmo, vai dirixido sobre todo a estudantes de grao da USC e con eles o centro pretende dinamizar o papel das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no eido da comunidade universitaria, “incentivando entre os alumnos o desenvolvemento das súas aptitudes”.
O primeiro destes encontros, informa o CiTIUS, constará de dúas partes: unha de programación tradicional (secuencial), e outra de programación paralela. Os concursantes poderán optar ao premio participando en calquera das dúas categorías, “aínda que na puntuación final contabilizarase a suma das dúas”, engaden fontes do centro. Na primeira parte, o obxectivo será dar forma aos algoritmos apropiados para responder a dous problemas reais que se formularán previamente, mentres que na segunda proba os concursantes disporán duns códigos secuenciais que solucionan dous problemas formulados de antemán. “O noso obxectivo”, engaden fontes do CiTIUS, “é empregar técnicas de paralelización para obter a solución a cada un deles no menor tempo posible, usando varios procesadores de maneira simultánea”.
Os concursantes participarán no reto en equipos de dúas persoas, e a puntuación será maior canto menos tempo se precise para obter a resposta correcta ao problema. A solución adoptada poderá ser totalmente libre, coa única limitación de estar programada nas linguaxes permitidas na proba.
A parella gañadora obterá unha viaxe a Barcelona para visitar o Barcelona Supercomputing Center; o premio inclúe un billete de ida e volta en avión para dúas persoas, dúas noites de hotel e a visita guiada. O reto será de carácter presencial, e desenvólvese na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) este mércores, 27 de febreiro, ás 11:00.

PUBLICIDADE