O CiTIUS procura novas tecnoloxías que faciliten o tratamento de información no ámbito hospitalario

venres, 21 de setembro do 2012 Raquel Noya

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) celebrou, o pasado día 20, unha conferencia sobre as tecnoloxías de busca e clasificación de datos de ámbito médico, a fin de facilitarlle esta tarefa aos profesionais galegos.
O acto, que ía dirixido principalmente a profesionais e investigadores do eido da sanidade, tivo lugar no Hospital Clínico Universitario de Compostela, e contou coa participación de David Losada, profesor titular de universidade na Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC, que dedica o seu labor investigador a facilitar a recuperación de información en aspectos como a construción automática de resumos, detección de novidades, clasificación de textos e minaría de opinións...
No seu relatorio, que levaba por titulo Tecnoloxías de procura e clasificación para o ámbito médico, Losada abordou as posibilidades que a informática brinda ás tarefas de xestión, procura e clasificación de documentos e expedientes no eido hospitalario. A recuperación de información e a aprendizaxe automática, dixo, “poden achegar solucións para crear software que lle axude ao persoal sanitario a procesar e localizar os datos necesarios para a súa actividade, tanto a nivel de investigación como no exercicio clínico diario”.
Estas técnicas” son de especial relevancia”, apuntou, “pois supoñen potencialmente unha valiosa contribución ao traballo dos profesionais da medicina”, engadiu.
Na actualidade, segundo apuntan dende o CiTIUS, o gran volume de documentos que xestionan os hospitais fai moi dificultosa a súa localización e acceso, “polo que son necesarias novas técnicas e ferramentas que acheguen resultados de xeito máis rápido e efectivo”, adiantaron.

PUBLICIDADE