O CiTIUS convoca catro bolsas de verán para estudantes TIC

mércores, 3 de xuño do 2015 Redacción

Exterior do edificio do CiTIUS no Campus Sur de SantiagoO Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) anunciou a posta en marcha dunha convocatoria de catro bolsas de verán para estudantes de grao nalgunha disciplina vencellada ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). As bolsas están dotadas con 700 euros, e abranguen tamén axudas paras gastos de viaxe. Segundo informa o CiTIUS, están deseñadas para alumnas e alumnos de grao que tivesen superado o terceiro curso ou polo menos 140 créditos da titulación. Ademais, deberán contar no seu currículo cunha nota media superior a 8 sobre 10.
A duración das prácticas será dun mes e desenvolveranse con preferencia no mes de xullo. A dirección do centro da Universidade de Santiago explica que a obtención dunha bolsa permitirá ao alumno a participación nun proxecto de investigación nunha das áreas de investigación dos programas científicos do CiTIUS, así como a participación nos ciclos formativos do centro. O prazo de presentación de solicitudes pecharase o próximo día 11 de xuño ás 23:59.

PUBLICIDADE