O Centro de Proceso de Datos Integral do monte Gaiás porase en marcha a finais de ano
martes, 21 de xuño do 2011
- O complexo do monte compostelán visto no blog cidadedacultura.blogspot.com
A Xunta porá
en marcha a finais deste ano 2011 o seu Centro de Proceso de Datos Integral,
unha infraestrutura tecnolóxica emprazada na Cidade de Cultura e dirixida a dar
acubillo único ao equipamento que xestiona os datos e os servizos TIC da nosa Administración.
A nova sobre a posta en funcionamento do CPDI e sobre os seus obxectivos e
vantaxes foi dada a coñecer por Adrián Lence, subdirector xeral de
Infraestruturas de Telecomunicacións, no marco da xuntanza internacional de DatacenterDynamics
que se está a celebrar en Madrid. Por certo que Lence acode á xuntanza xunto
con expertos mundiais en novos centros de procesamento da información
(avaliando polo miúdo os retos deste centros en materia de deseño, construción,
operación e optimización).
Sinalar que o CPDI da xunta converteuse en
realidade o pasado ano, cando a Xunta decidiu pór en marcha un espazo tecnolóxico
para “mellorar a competitividade, reducir
custos, acadar unha maior eficacia enerxética e flexibilidade,
interoperabilidade e seguridade, así como unha simplicación da xestión e unha homoxeneización
da estratexia tecnolóxica da Xunta”, informa o Goberno galego. Un dos
grandes obxectivos concretos do Centro pasa por acadar un aforro de 3 millóns
de euros anuais unha vez que estean integrados tódolos servizos autonómicos no
novo CPD.
Segundo engaden fontes da Xunta, o Centro de
Proceso de Datos Integral (CPDI), coordinará e albergará as funcións dos CPDs emprazados a día de hoxe
na nosa xeografía, dos que a gran maioría “carece
de capacidade de crecemento para afrontar a demanda de proxectos TIC precisos
para mellorar a eficiencia da Administración galega”. Amais desta
flexibilidade capacidade de adaptación que se tenta pór en xogo, tamén se
pretende traballar a prol da Administración Electrónica galega e un dos seus
grandes obxectivos: converterse nun servizo público dispoñíbel as 24 horas.
Polo que
atinxe ao volume de cidadáns e unidades administrativas ás que dará operatividade,
dicir que o obxectivo é beneficiar a toda a sociedade galega por enteiro, a máis
de 1.260 centros administrativos; 1.400 centros educativos; 600 centros
sanitarios; 322 entidades xudiciais e 1.500 oficinas de farmacia así como a
91.000 empregados públicos, entidades e organismos autónomos dependentes da
Xunta e incluso a outras entidades públicas como deputacións, concellos ou
universidades.
O novo CPDI
galego, como dixemos, estará emprazado no monte Gaiás, en Santiago, no Edificio
de Servizos Centrais da Cidade da Cultura. Tendo en conta a natureza do seu
alcance, está previsto un amplo número de departamentos encamiñados a optimizar
ao máximo ao seu rendemento. De feito, haberá áreas de operadores, de reparación
e montaxe, equipamento de copias de respaldo, sala de comunicacións para dar
servizo a servidores, sala para os operadores de telecomunicacións, sala de
servidores e área técnica. Segundo informa a Xunta, a previsión é rematar a
fase de acondicionamento da nova plataforma tecnolóxica no vindeiro mes de
decembro, dando por rematada a integración dos centros de datos até o de agora
espallados no único CPDI ao longo de 2012.