O Centro de Dinamización de Betanzos formou a case 50 persoas no mes de maio

mércores, 3 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

O Centro de Dinamización de Betanzos vén de facer reconto de todo o acadado en maio a través do seu compromiso por achegarlle a Rede á veciñanza. Para comezar: o Centro (pertencente á Rede de Dinamización da Sociedade da Información) rematou o mes con 9 usuarios máis dos que xa había previamente. Asemade, deu acubillo, forma e contido a seis obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formou a case medio centenar de persoas e que se estenderon ao longo de 49 horas. Por certo que as actividades desta índole máis demandadas foron as de Alfabetización Dixital e Procesador de textos: Writer.
Polo que respecta aos números da Rede máis xenéricos, dicir que dende que comezou a súa andaina en febreiro de 2009 foron xa 146 as veciñas e veciños que fixeron o carné da Rede. Ao longo deste tempo, informa a responsable do Centro betanceiro, leváronse a cabo 20 obradoiros cun total de 161 horas formativas nas que se lle deron contidos teórico-prácticos a case unha centena de participantes.
Sinalar que para requirir máis información sobre as actividades da Rede de Dinamización na dita vila coruñesa, cómpre dirixirse ao Centro de Dinamización, sito en Emilio Romay, s/n, chamar ao 981.771.300 ou mandar un email a rebeca.betanzos@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.

PUBLICIDADE