O Centro Matadoiro de Compostela acolle o 22 un obradoiro de FreeCAD

martes, 11 de outubro do 2016 Redacción

O vindeiro sábado 22 de outubro vai haber unha cita con FreeCAD no recentemente reactivado Centro Matadoiro de Santiago de Compostela (a antiga Casa de Xuventude, salvada do derrube polo Concello actual e boa parte da veciñanza e o tecido asociativo local, e destinada agora a acubillar novas formas de desenvolvemento e participación colectiva, incluído o espírito Maker e o software libre). O obradoiro vén da man de Xeopesca e conta co patrocinio de AMTEGA e coa colaboración do propio espazo Matadoiro.
O temario inclúe introdución ao CAD, interface de FreeCAD, contornas de FreeCAD, exportación e importación de pezas, exercicios (creación de sólidos, modificación de sólidos e operacións), outras alternativas libres a FreeCAD, etc. A organización lembra aos participantes que é preciso que carrexen o seu portátil até o emprazamento do obradoiro, amais do cargador. Tamén deben levar instalada nos seus equipos a última versión estábel de FreeCAD.
FreeCAD, como lembraremos, é un programa de deseño por computador en tres dimensións, de código libre e aberto. Segundo se sinala Galipedia, opera cun modelado paramétrico e ten unha arquitectura de software modular, pudendo engadir de xeito doado máis aplicacións e elementos sen trocar o núcleo do sistema.
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2016 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE