O Centro Demostrador TIC incorpora novos servizos para achegar a tecnoloxía aos sectores produtivos

xoves, 28 de agosto do 2014 Redacción

O Centro Demostrador TIC da AMTEGA amplía a súa carteira de servizos para que PEME e autónomos poidan acceder máis facilmente á oferta tecnolóxica que existe no mercado, tal e como explicou esta mañá a directora da AMTEGA, Mar Pereira, nunha presentación na que tamén interviñeron o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral, e o presidente de FEAGA, Francisco Javier Pérez Bello.
O Servizo de Consultas TIC, o Servizo CDTIC Virtual e o Servizo de Streaming son as actuacións que dende hoxe entran a formar parte da carteira que desenvolve o Centro desde hai tres anos para unir a oferta TIC e a demanda dos restantes sectores empresariais galegos.

Novos servizos

O primeiro destes novos servizos, o de Consultas TIC, ten como obxectivo resolver dúbidas ou cuestións vinculadas a solucións tecnolóxicas dispoñibles para PEME e profesionais autónomos. O funcionamento é sinxelo, xa que simplemente cómpre cubrir o formulario habilitado na páxina web do Centro.
Unha vez recibida a consulta, o CDTIC traballará na súa resolución e enviaralle unha resposta nun prazo máximo de 96 horas. Nestas respostas incluiranse, sempre que sexa posible e existan alternativas de calidade, referencias a solucións libres que cubran as necesidades expostas pola empresa ou profesional autónomo.
O Servizo CDTIC Virtual, ofreceralles ás empresas e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar solucións empresarias libres que están aloxadas na nube. Deste xeito poderán coñecer e avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades de solucións tecnolóxicas dispoñibles para o seu sector. Para empregar o servizo só é preciso solicitalo na web do Centro e tras verificar a súa petición habilitaráselle un período de proba.
As vantaxes desde servizo para a empresa son que proporciona unha infraestrutura para probar un servizo sen necesidade de que a empresa dispoña da mesma; así como permite aforrar tempo dun administrador de sistemas e recursos informáticos.
Este servizo iníciase coa aplicación Owncloud, unha solución libre que permite dispoñer dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nube destinada principalmente a PEME e profesionais autónomos. Trátase dunha alternativa libre a outras solucións privativas presentes no mercado.
O CDTIC prevé ir incorporando progresivamente aplicacións dispoñibles baseadas en software libre para que as persoas usuarias poidan experimentalas facilmente. A seguinte solución que se ofrecerá será Xeshostal que permite a xestión en liña (a través de internet) de establecementos hostaleiros, que foi liberada o ano pasado pola AMTEGA en colaboración coa Axencia de Turismo. A aplicación é unha ferramenta pioneira para mellorar a xestión dos pequenos establecementos turísticos e para compartir datos.
Por último, o Servizo Streaming está deseñado para as persoas que queiran asistir ás actividades levadas a cabo polo CDTIC, pero que non teñen a posibilidade de desprazarse ata as súas instalacións. Simplemente cun dispositivo con conexión a internet, as persoas interesadas poderán seguir os actos desde calquera localización.
Ademais dos novos servizos, Mar Pereira adiantou que hoxe se inicia unha campaña para ampliar o Mapa TIC.gal o punto de encontro virtual para provedores e demandantes de tecnoloxía, no que están inscritos máis de 250 provedores TIC galegos e onde se recollen máis de 500 solucións TIC e, que desde a súa posta en marcha en 2012, acadou máis de 10.000 visitas web.

Tres anos de escaparate tecnolóxico de Galicia

A directora da AMTEGA fixo tamén balance dos principais logros acadados nos tres anos de funcionamento do CDTIC. Así, destacou que dende a súa posta en marcha, en xullo de 2011, este centro cumpriu o seu maior reto servir de escaparate tecnolóxico de Galicia, fomentando a interrelación entre a oferta do sector TIC e as empresas galegas.
Desde a súa posta en marcha o CDTIC organizou máis de cen actividades nas que participaron arredor de cen empresas TIC colaboradoras e máis de mil empresas asistentes. En total, impartíronse máis de 300 horas de formación TIC altamente especializada cun nivel de satisfacción entre as empresas moi elevado.
Entre os beneficios percibidos polo sector empresarial, cómpre destacar que o 45 % das empresas tecnolóxicas que presentaron solucións TIC no centro recibiu peticións de orzamento e o 26 % pechou, polo menos, un contrato. Por outra banda, entre as empresas demandantes que asistiron ao CDTIC, o 90 % accedeu a provedores e solucións TIC que non coñecía ata o seu paso polo centro e o 67 % afirma ter interese por implantar este tipo de solucións.
Ademais, puxéronse en marcha servizos como o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, o MapaTIC.gal, plataforma web do Centro de mostrador TIC que dispón dun directorio categorizado de empresas, produtos e servizos tecnolóxicos. Unha ferramenta de gran utilidade cuxa información se ampliará ao longo deste ano.
Así mesmo, descentralizáronse as actividades do CDTIC a través de videoconferencias coas 98 aulas CeMIT existentes, publicáronse catálogos de provedores e solucións TIC sectoriais, e colaborouse cos principais axentes do sector TIC e do resto de sectores empresariais galegos.

Valoración positiva do sector TIC e dos autónomos galegos

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC, Galicia salientou o papel do CDTIC como ferramenta para facer chegar ás PEME produtos tecnolóxicos desenvolvidos polo sector TIC galego que contribúen á mellora da competitividade. Sinalou que o sector dixital é actualmente unha das locomotoras do emprego en Europa e puxo de relevo a importancia da suma de esforzos para o seu desenvolvemento en Galicia través do programa Transformatic, impulsado pola AMTEGA, que supón o aliñamento das estratexias da Administración autonómica, as universidades, os centros tecnolóxicos e as empresas.
Pola súa banda, o presidente de FEAGA, Francisco Javier Pérez Bello, indicou que o achegamento das ferramentas TIC aos autónomos e PEME é fundamental para aumentar a produtividade e a competitividade de este sector tan importante e tan necesitado das mesmas. FEAGA agradece o esforzo que se ven a facer dende a Xunta de Galicia para tentar achegar os produtos tecnolóxicos desenvolvidos polo sector TIC galego a todos os autónomos, e colaborarán na difusión e promoción, como xa veñen facendo, do coñecemento e do uso de todas estas ferramentas entre todos os autónomos.

PUBLICIDADE