O Centro Demostrador TIC convoca a autónomos e PEME para introducilos nas vantaxes de Google Sites

martes, 6 de maio do 2014 Redacción

Quen dixo que cada internauta non pode ser, á par que usuario, creador de webs? Ou sexa, participante do fenómeno Internet en todo o senso da palabra. Pois ben, ferramentas para dar renda solta a esta creatividade do cidadán de a pé hai moitas, pero se cadra Google Sites é unha das máis socorridas, en parte pola súa sinxeleza, en parte por ser de balde (entre outros motivos). Para botar máis luz sobre as súas posibilidades e potencialidades, facendo fincapé en chegar aos autónomos e as PEME da nosa terra, o Centro Demostrador TIC que xestiona AMTEGA organiza o vindeiro día 13 de maio o curso Uso práctico Google Sites para crear sitios web ou intranets.
A actividade, que se vai desenvolver en horario de 16.00 a 20.00 horas, virá da man de Óscar Pásaro García, director comercial da empresa Conpas. Como dixemos, o curso está principalmente orientado a Pequenas e Medianas Empresas e a traballadores por conta propia de todos os sectores, así como a asociacións e clústers empresariais. Con esta actividade, informa o Centro Demostrador TIC, “as persoas asistentes adquirirán os coñecementos prácticos necesarios sobre a xestión da ferramenta Google Sites para a creación de sitios web ou intranets, abordándose ao seu abeiro aspectos como o acceso ao programa, a edición de páxinas e a súa creación e eliminación, a estrutura do sitio, os tipos de usuario, entre outros”.
Lembrar que Google Sites, aplicación de balde ofrecida polo buscador do mesmo nome, salienta non só por ser gratuíta e de uso sinxelo, senón tamén polo amplo abano de funcionalidades que pon en xogo. De feito, grazas a esta ferramenta podes facer cousas como reunir nun único lugar en liña e dunha forma rápida información variada, incluídos vídeos, calendarios, presentacións, arquivos adxuntos e texto. Ademais, permite compartir información con facilidade para vela e compartila cun grupo reducido de colaboradores, ou con todo o mundo.

PUBLICIDADE