O Centro Demostrador TIC celebra un seminario-obradoiro sobre o sistema de blogues Wordpress

xoves, 27 de novembro do 2014 Redacción

A vindeira semana, o mércores 3, vaise celebrar no Centro Demostrador TIC un seminario para profesionais sobre as potencialidades, posibilidades e funcionalidades de Wordpress, plataforma dispoñíbel na nosa lingua e encamiñada a facilitarnos un sistema de xestión de blogues libre en todo o sentido do termo: de libre descarga e libre instalación, amais de ser código aberto e de balde. O seminario vaise desenvolver baixo o seguinte epígrafe: Iniciación a Wordpress: crear e xestionar unha web/blog profesional de balde.
Trátase dunha xornada de feitura práctica, onde o obxectivo é que cada participante remate a sesión coa súa propia web construída. “Os asistentes”, informan fontes do Centro Demostrador TIC, “coñecerán as bases para a creación de webs/blogs profesionais, persoais ou corporativos, sen a necesidade de posuír grandes coñecementos informáticos nin de deseño, así como contando cun orzamento moi axustado”. O seminario, engádese, vai dirixido a profesionais autónomos de todos os sectores, PEME, asociacións ou clústeres, que desexen iniciarse na construción e na xestión dunha web propia sobre un alicerce axustado de coñecemento TIC e orzamentario.
O seminario en cuestión virá da man de Pedro Arenas Barreiro, responsábel de Ingenyus, empresa centrada nas novas metodoloxías de mercadotecnia. Arenas ten máis dunha ducia de anos de experiencia directiva en departamentos de publicidade e promoción de multinacionais dos ámbitos farmacéutico e alimentario. A asistencia ao seminario é completamente de balde, sendo só preciso a inscrición previa través do Espazo Usuario do portal web do CDTIC. Este seminario forma parte da oferta formativa en software libre no CDTIC dentro do Plan de Acción en materia de Software Libre 2014.

PUBLICIDADE