O Campus do Mar e Gradiant afondan no potencial do binomio TIC-transporte marítimo

martes, 16 de setembro do 2014 Redacción

O Campus do Mar e Gradiant organizan para o vindeiro xoves 25 de setembro un encontro destinado a avaliar, entre investigadores e entre profesionais da innovación e do transporte marítimo, o potencial e posibilidades das novas tecnoloxías da información para acadar unha mellor xestión e operatividade no traslado de mercadorías a través do mar. As sesións desenvolveranse no salón de actos da Cidade Tecnolóxica de Vigo, CITEXVI, entre as 09:00 e as 14:00 horas. En palabras da organización, o obxectivo é “pór en contacto ao sector investigador do Campus do Mar co sector industrial para potenciar o coñecemento mutuo e servir de xerme de posíbeis colaboracións”. A xornada Transporte marítimo e loxística sustentábel a través das TIC arranca ás 9.00 horas coa recepción de asistentes.
A continuación é a quenda de Nicolás Troncoso, de Kaleiko Ideas & Logistics, que falará das necesidades e estratexias de innovación no sector do transporte por mar; Fernando González Laxe, da Universidade da Coruña, que incidirá en métodos para acadar meirande eficiencia portuaria; e Stefanos Kokkorikos, R&I Advisor, CERTH, que afondará na estratexia de innovación en transporte marítimo a nivel europeo. Ás 11.00 horas está prevista a pausa para o café e arredor das 11.30 unha rolda de presentación de casos de éxito na aplicación rendíbel do binomio TIC-Mar. Nesta rolda participan REDE - Universidade de Vigo, a Universidade de Leipzig University, a Autoridade Portuaria de Vigo, o centro tecnolóxico Gradiant e Transglobal. A xornada remata sobre as 13.30 cunha quenda de preguntas e comentarios.

PUBLICIDADE