O Campus de Ourense acolle unhas xornadas para dar a coñecer as vantaxes do software libre

mércores, 19 de outubro do 2016 Redacción

O protagonismo do software libre vai gañando postos paseniño, entre as causas do aumento de usuarios que se suman ás ferramentas abertas están o seu baixo custo, o feito de que pode ser copiado e modificado, empregado libremente con calquera fin e redistribuído con ou sen cambios, amais doutro aspecto ben importante como é a privacidade de datos dos usuarios. Collendo estes aspectos do software libre, o Campus de Ourense acolle entre onte e hoxe a III Xornada de Achegamento Teórico-Práctico ao Software e Hardware Libre no Ámbito Educativo, un encontro que fai fincapé na posibilidade de que os soportes lóxicos libres compitan cos privativos cando o obxectivo é salvagardar a privacidade.
Esta actividade está organizada pola Asociación Educativa Lignux, nada en 2013 co obxectivo de promover o uso de ferramentas abertas nos diferentes eidos de aplicación. Para a celebración das xornadas contan coa colaboración da Asociación Universitaria Pedagóxica e Cultural Educere, do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux GPUL, da Vicerreitoría do Campus, das delegacións de alumnos da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Facultade de Ciencias da Educación e de AMTEGA.
Á cita, apuntan dende a organización, asistirán arredor de 30 persoas, procedentes principalmente do eido educativo. O interese en incidir na formación deste colectivo débese á repercusión que pode ter na difusión das ferramentas en aberto entre as novas xeracións.
Indo ás xornadas, a sesión de onte daba comezo cunha intervención de Pablo Castro (secretario adxunto do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux), quen falou das ferramentas en aberto para a formación en novas tecnoloxías, salientando a cuestión da privacidade de datos, pois con estes programas en aberto o usuario pode coñecer e controlar o uso que se fai da súa información. “Se usas programas privativos ao final todos os teus datos están non nunha nube, senón en computadores de Google de Microsoft ou de quen sexa e non se sabe en realidade que uso se está a facer ou se fará deles”, subliñaba Castro. No caso dos programas libres, engadía: “podes ver como está feito o código, ver se os teus datos os está a mandar a algún sitio ou non. Nos privativos non sabes en realidade a quen lle están cedendo a túa información supostamente privada”. Neste contexto, o membro de GPUL explica que hai alternativas libres para todo tipo de programas. Deste xeito, propón o uso de Owncloud en vez de Dropbox e Google Drive; de Tor en vez de Google Chrome ou de Jitsi en vez de Skype. “Hai sempre opcións de software libre, tan sinxelas ou máis de instalar que as privativas. Só é cuestión de coñecelas e atreverse a comezar a empregalas”, indica.
As xornadas do martes contaron tamén coa entrega a cada inscrito e inscrita dun CD con sistemas operativos e programas libres útiles para todo tipo de necesidades que poidan ter (cálculo matemático, deseño gráfico e os correspondentes manuais).
En canto ás xornadas de hoxe, desenvolvidas entre as 18:30 e as 21 horas no Edificio Politécnico (Aula 2.1, 2º andar), Universidade de Vigo, Campus de Ourense, continuarán afondando no desenvolvemento dun obradoiro no que os participantes poderán traballar directamente con este tipo de soporte. Comezarase cunha presentación dos programas que se empregarán, o xeito de instalalos e continuará co traballo autónomo dos asistentes ao curso instalando este material co apoio dos membros da organización. As persoas inscritas poden levar os seus propios computadores e facer unha actualización deles en base a estas ferramentas en aberto.

PUBLICIDADE