O CPETIG lembra que a matriculación feminina en informática baixou ao 14% nas nosas universidades

martes, 3 de marzo do 2015 Fernando Sarasketa

A arelada paridade de xéneros en informática semella unha tarefa complicada de acadar. Seguen a pesar os estereotipos, nos libros, nos medios de información, no día a día, ideas fixas e mentiras que acaban por desanimar ás rapazas de apostar por estudos TIC e que rematan por perpetuar unha contorna informática que podería ser mil veces mellor de darse unha meirande presenza feminina entre os seus profesionais. Como dixemos, a situación (que como toda situación ten múltiples culpábeis, comezando polo uso que lle damos á linguaxe, falando sempre en clave masculina cando toca falar de informática e de desenvolvemento), está lonxe de mellorar. Segundo os datos que nos achegan este mes de marzo dende o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, a matriculación feminina neste ámbito de estudo baixou do 26% ao 14% nas nosas universidades ao longo dunha década.
Así, sinala o colexio, confírmase unha vez máis que nun contexto de crecente feminización da matriculación universitaria en Galicia, a evolución no acceso aos estudos de Informática presenta unha tendencia inversa. Deste xeito, lembra a entidade profesional que preside Marcos Mata, na última década tense producido un importante descenso da presenza de alumnas no Grao en Informática nas tres universidades de Galicia (hoxe estamos na devandita taxa do 14%), cun rango que oscilou entre as cifras da Universidade de Vigo, que andaban hai dez anos a rentes do 30%, e a taxa amosada hoxe pola devandita carreira na Universidade de Santiago, unha taxa de matriculación que rolda o 12%.
Segundo lembra nas súas investigacións o CPETIG, a situación nas tres universidades galegas presenta unha evolución bastante semellante. Así, na USC, onde este curso o alumnado feminino é o 63% do total, a representación de alumnas baixa ao 12% no Grao en Enxeñaría Informática, no que hai matriculados 305 homes e 42 mulleres. Hai dez anos, no curso académico 2004-2005, as mulleres representaban o 25% do alumnado nestes estudos.
Na UDC, as mulleres eran o 14% do alumnado da Facultade de Informática no curso 2012-2013, o último período académico cuxos datos están publicados. Hai dez anos, as estudantes representaban o 23% do alumnado desa facultade. Na UVigo, na que as mulleres son o 51.1% do alumnado no actual curso académico, a porcentaxe de alumnas baixa ao 16% no Grao en Enxeñería Informática. Porén, hai dez anos elas eran o 30% do alumnado na carreira.
O colexio profesional recorda tamén que Galicia non é unha excepción na escasa presenza de mulleres no ámbito informático docente. “Esta tendencia”, explica a entidade, “é común á maioría dos países, agás raras excepcións como a da India, e en parte pode deberse á imaxe coa que a sociedade percibe a profesión, fomentada tamén por series e programas de televisión que xeneralizan un modelo estereotipado e pouco real da Informática”.
O CPETIG considera que a elección profesional debe realizarse “en liberdade, por vocación”, e sobre ideas precisas das distintas alternativas académicas, algo que seguramente coa Enxeñaría Informática non estea a suceder, “xa que pesan sobre ela determinados clixés”, comentan fontes do colexio, que tamén apostan por actuar no miolo mesmo do problema: na educación que fomentan os propios colexios profesionais, as universidades e mesmo as empresas. A xuízo do CPETIG, deben contribuír a transmitir a verdadeira dimensión da profesión e do que abrangue o seu eido de acción, “superando a opinión demasiado estendida de que se trata de profesionais que arranxan ordenadores”.
Con todo, malia esta situación de desigualdade e de desinformación, o CPETIG valora moi positivamente que a colexiación feminina manteña unha taxa de crecemento sostido, pasando do 19,40% en 2008 ao 20,53% do pasado ano.

PUBLICIDADE