O CPETIG comeza mañá o seu curso de Scratch, orientado a levar a programación ás novas xeracións

mércores, 23 de abril do 2014 Redacción

O Centro Demostrador TIC acolle a partir de mañá o Curso de Scratch do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), unha actividade formativa que xa avanzamos os días pasados facendo fincapé na importancia dos seus contidos para contribuír a universalizar na nosa terra a práctica da programación, principalmente entre as novas xeracións. A iniciativa dirixirase a familiarizar aos nosos docentes co desenvolvemento de aplicacións informáticas a través desta ferramenta de software libre, co fin de que eles transmitan logo o coñecemento adquirido ao seu alumnado. Polo tanto, o obxectivo final é incorporar aos máis novos á programación con solucións libres.
Segundo informa o CPETIG, o curso espertou os días pasados un gran interese entre o profesorado galego non universitario, xa que a demanda foi quen de superar con moito as 35 prazas dispoñíbeis.
A actividade formativa, que se estenderá até o venres no Centro Demostrador TIC (entre as 16.00 e 20.00 horas), conta coa colaboración de AMTEGA e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Como dixemos, o curso está dirixido a profesores non universitarios, especialmente de Tecnoloxía e de Informática, para formalos no desenvolvemento de aplicacións informáticas coa ferramenta de Scratch, coa que despois se ensinará aos escolares os fundamentos da programación. Esta iniciativa enmárcase nas actividades previstas no convenio de colaboración entre o CPETIG e a AMTEGA, asinado o pasado 2 de abril, e conta coa participación dos profesores Jesús Moreno León e José Ignacio Huertas Fernández. Ambos docentes son enxeñeiros técnicos en Informática e mestrados en enxeñaría de sistemas telemáticos con 10 anos de experiencia como profesores en secundaria e formación profesional.

PUBLICIDADE