O CPEIG rexeita o abuso da expresión "erro informático"

mércores, 13 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

A edición local de Compostela de La Voz de Galicia publicou unha das novas nas que se falou desacertadamente dun "erro informático"

O Colexio Profesional de Enxeñeiros en Informática de Galicia (CPEIG), na súa liña para pór en valor a profesionalidade dos seus integrantes, reitera o seu rexeitamento do uso da expresión “erro informático” por parte das autoridades políticas e dos medios de comunicación, á vez que manifesta a necesidade de xerar e manter confianza nos sistemas informáticos sempre que estean desenvolvidos e xestionados de xeito correcto.
A denuncia do CPEIG chega nun momento no que varias cabeceiras de Prensa Ibérica publican unha nova titulada Un error informático deja sin beca a decenas de universitarios con derecho a percibirla, no que falan de “erro infomático” como vía de escape para que o Ministerio de Educación non asuma a responsabilidade que lle corresponde; mentres que La Voz de Galicia tamén recolleu na súa edición de Santiago unhas declaracións dunha concelleira que xustificaba o impagamento das pagas extras aos bombeiros da cidade por mor dun “erro informatico”.
En vista desas informacións, dende o CPEIG solicitan aos medios e responsables políticos que non desvirtúen o significado do concepto informático á hora de cualificar un erro que normalmente é humano.

Unha das novas denunciadas polo CPEIG publicouse no Faro de Vigo e en La Opinión

PUBLICIDADE