O CPEIG e AMTEGA habilitan un programa de apoio TIC para empresas miúdas e autónomos

xoves, 26 de setembro do 2013 Redacción

Presentación do Programa de Asesores TIC

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) veñen de pór marcha unha iniciativa de apoio e divulgación TIC á medida das empresas miúdas e dos nosos traballadores por conta propia, un dos colectivos profesionais galegos que máis vive de costas á Sociedade do Coñecemento e, que polo tanto, máis precisa de recursos de toda índole para acometer o paso ao dixital, non só orzamentarios senón tamén de coñecemento. A medida chámase Programa de Asesores TIC e diríxese a prestar apoio de balde ás PEME e autónomos no seu proceso de mellora tecnolóxica. O programa está dirixido a negocios dos sectores da agroalimentación, mar e acuicultura e construción, así como a autónomos que teñan previsto implantar algunha solución tecnolóxico-dixital no prazo dun ano a partir do comezo do programa.
Segundo informa o CPEIG, o asesoramento será desenvolvido por profesionais con formación en Enxeñaría en Informática que axudarán ás empresas a definir as súas necesidades tecnolóxicas en función do seu modelo de negocio para que adopten aquelas que poidan mellorar a súa eficiencia e produtividade. Nesta selección, os asesores tecnolóxicos primarán as solucións baseadas en software libre e farán seguimento da implantación de solucións TIC.
As empresas escolmadas para participar no programa disporán “de asesoramento no eido TIC de alta calidade e obterán un Plan Director TIC con custo cero, que servirá como folla de ruta para a implantación de melloras tecnolóxicas, suxerir as correccións precisas nos aspectos organizativos e dirixir a entidade cara o modelo máis axeitado”, engaden o colexio e AMTEGA, que explican que para a elaboración do Plan, os asesores TIC visitarán as instalacións de cada empresa e realizarán unha análise detallada dos procesos de negocio e ferramentas TIC que están a a empregar. “Deste xeito”, apuntan, “os profesionais do programa detectarán in situ as necesidades máis importantes para establecer prioridades na implantación de ferramentas TIC”.
Por certo que as empresas que cumpran os requisitos para participar no programa obtiveron máis información na xornada de presentación organizada polo o CPEIG e AMTEGA e que se celebrou esta mañá en Santiago de Compostela. Os asistentes ao encontro coñeceron os obxectivos da iniciativa, a relevancia das novas tecnoloxías nas PEME como vantaxe competitiva, e as moitas potencialidades de uso e aforro do software libre. Ademais, recibiron unha enquisa para avaliar a súa madurez tecnolóxica, que servirá tamén para realizar a selección das empresas beneficiarias do programa.

PUBLICIDADE