O CPEIG convoca a especialistas de toda España para afondar nas implicacións da ética do Open Data

mércores, 11 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

A filosofía do Open Data (datos abertos) é semellante ao da cultura libre, unha aplicación ao miolo da Rede da liña ética que defende que se libere de atrancos o coñecemento. As posibilidades de usarmos a Internet para crear información accesíbel e para que esta se mova e chegue a quen non a tivo até o de agora son moitas e variadas, tanto a nivel social como no eido empresarial. Dar conta delas e debater sobre as súas implicacións é un dos grandes obxectivos da xornada Open Data, Oportunidades de Transparencia na Era da Información, organizada polo CPEIG e prevista para o 18 de abril en horario de mañá.
O encontro do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia celebrarase no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, en colaboración coa Axencia de Modernización de Galicia.
A intención do colexio é xuntar baixo un mesmo teito e disposición común de diálogo a especialistas galegos e do resto de España en materia de datos. Xuntos abordarán a filosofía e o potencial do movemento do Open Data, que como dixemos avoga por que determinados datos estean dispoñibles de forma libre a todo o mundo, sen restricións de copyright nin patentes, ou outros mecanismo de control. Ou sexa, que falamos de ceibar os datos co fin de promover o seu emprego.
O acceso ás charlas é libre ata completar o aforo. Inaugurará o encontro a directora de Axencia AMTEGA, Mar Pereira, acompañada polo presidente do CPEIG, Fernando Súarez Lorenzo.
Segundo informa o colexio, intervirán no encontro o director de Atención Cidadá do Goberno Vasco, Alberto Ortiz de Zárate Tercero; o director de Proxectos da empresa galega Bahía Software, Emilio José Díez Rico; David Cabo, patrono fundador da Fundación Ciudadana Civio, creador de dondevanmisimpuestos.es e tudrechoasaber.es; María José García Sexto, directora da Área de Modernización das Administracións Públicas de Amtega, da Xunta de Galicia; e Carlos de la Fuente García, director de Servizos Tecnolóxicos da Fundación CTIC. A xornada pecharase cunha mesa redonda sobre os Retos de Futuro do Open Data e a clausura a cargo do presidente do CPEIG.

PUBLICIDADE