O CPEIG concede o Premio Traxectoria Profesional a Patricia Rodríguez Dapena

martes, 31 de maio do 2016 Redacción

Entre os recoñecementos á profesión TI na nosa terra que convoca cada ano o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (e que se van entregar este 3 de xuño no marco da Noite Galega da Enxeñaría en Informática) figura o Premio Traxectoria Profesional. Este 2016, o galardón recaerá en Patricia Rodríguez Dapena, licenciada en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid (1982-1987) e doutora pola Universidade Técnica de Eindhoven – Holanda. A día de hoxe, Patricia é directora executiva da empresa Softwcare.
Foi enxeñeira de software e de calidade de programas en diferentes empresas españolas (SCYT, ENTEL Defensa e Aeroespacial, INTA, GMV) entre 1987 e 1992 e nese último ano sumouse á equipa da Axencia Espacial Europea en Holanda (ESTEC). Nesta axencia desenvolveu até o ano 2000 tarefas de soporte na creación do software dos satélites.
Desde 2001, á súa volta voluntaria a España, é fundadora e xerente de Softwcare, microPEME centrada na verificación e validación de software crítico. A enxeñeira tamén participou (como fundadora ou socia) en empresas como Knowledge Investors, BlueLabs, SoftQcare e AIE con Everis Aeroespacial e Defensa: Evercare. Arestora está involucrada en proxectos como a verificación e validación independente do software crítico de control (tanto do satélite coma dos instrumentos) do novo Meteosat Terceira Xeración para a Axencia Espacial Europea. Tamén achega o seu coñecemento e experiencia no proxecto de UAV (vehículos aéreos non tripulados) para a Xunta, en facetas de verificación, validación, calidade e certificación do software de control. Igualmente, colabora en varios proxectos de análise e acreditación da seguridade de programas para o sector do motor, ao abeiro da arquitectura xenérica AUTOSAR.

PUBLICIDADE