O CNTG acollerá un seminario sobre como comezar a integrar tecnoloxías nunha organización

luns, 3 de febreiro do 2014 Redacción

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, CNTG, organiza o vindeiro 27 de febreiro un seminario sobre arquitecturas empresariais, aliñación entre TI e negocio, e TOGAF. A cita será de 9.30 a 13.30 horas, e a través dela abordaranse as bases dun procedemento de integración de tecnoloxía no seo dunha organización. Máis polo miúdo, botarase luz sobre o primeiro paso a dar para pór a tecnoloxía no lugar correcto dende o punto de vista do negocio: a arquitectura empresarial. A idea á facilitar aos nosos profesionais as claves precisas para pór en marcha procesos TIC, nos marcos corporativos, que respondan ás necesidades e obxectivos do negocio.
O seminario introducirá aos asistentes nas problemáticas actuais das empresas cos seus sistemas de información (SI) e como integrar unha solución de transformación minimizando riscos a través da arquitectura empresarial. Na actualidade TOGAG representa unha das solucións máis utilizadas, retratando de maneira axustada a situación e os procesos de SI e obtendo unha visión futura fidedigna para a súa posterior solución e transformación.
O relator da xornada será Javier Ares Aira, enxeñeiro técnico industrial e MSc Business Information Technology. Javier Ares está en posesión de distintas certificacións profesionais de organismos como TOGAF, ISACA, ITIL, VMware, Microsoft, Cisco e LPI que o avalan como un eficaz axente na aplicación das TI aos procesos de negocio.
O acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local.

PUBLICIDADE