O CITIUS acolle en setembro un curso sobre modelado específico de dominios

venres, 5 de xullo do 2013 Redacción

Entre o 2 e 6 de setembro desenvolverase no centro de investigación CiTIUS, na Universidade de Santiago (Campus Sur) a cuarta edición dunha actividade formativa dirixida a achegar recursos e técnicas para dar forma, dun xeito rápido e eficaz, ás distintas parcelas e edificacións desa macrocidade virtual en constante renovación que vén sendo a Internet. Falamos da Escola de Verán Internacional en Modelado Específico de Dominios (4th International School on Domain Specific Modelling), unha acción artellada en conferencias e relatorios dirixidos a afondar no concepto de DSM (Domain Specific Modelling), metodoloxía que facilita a reutilización e a redución do tempo de desenvolvemento de proxectos vinculados a dominios específicos.
Estes dominios de aplicación abranguen un bo número de elementos, entre os que se contan os sistemas interactivos, a Internet 2.0, a arquitectura de negocio, o deseño de procesos ou o modelado de negocio.
Nos cinco días de duración da escola está previsto que participe un importante número de expertos internacionais en DSL, que presentarán as liñas e as principais aplicacións deste concepto, expertos entre os que se contan Didier Buchs, da Universidade de Xenebra, Ethan Jackson de Microsoft Research, Eugener Syriani de la Universidade de Alabama, Vasco Amaral, Miguel Gouläo, Bruno Barroca e Mauricio Alférez da Universidade Nova de Lisboa, Paulo Carreira de la Universidade Técnica de Lisboa, etc.
A inscrición para o curso xa está aberta na web dsm-tp.org, onde tamén está dispoñíbel o programa detallado.

PUBLICIDADE