O CITIC xúntase con reputadas entidades europeas para preparar as candidaturas ao programa H2020

mércores, 29 de outubro do 2014 Redacción

Estes días está a celebrarse no Centro de Investigación en Tecnoloxías da información e as Comunicacións, o CITIC da Coruña, unha xuntanza asentada sobre os seguintes piares: Europa, tecnoloxía e transferencia de coñecemento, tres conceptos básicos na metodoloxía e na estratexia do centro emprazado na UDC, e tamén na forma de traballar dos diferentes grupos de investigación que acubilla. Falamos da reunión transnacional organizada desde a Área Tecnolóxica de Intelixencia Artificial do CITIC, liderada polo investigadora Amparo Alonso.
O grupo vén traballando desde hai meses no pulo a unha candidatura de proxectos para o Programa Europeo Horizonte 2020, nas áreas de Big Data e e-learning. En concreto, as candidaturas preséntanse sobre os topics 2015 ICT-16 Big Data e ICT-20 Technologies for better human learning and teaching.
Co devandito obxectivo, reúnense para traballar entidades procedentes de 6 países: España (Asturias, Cataluña e Galicia), Alemaña, Portugal, Polonia, Reino Unido e Holanda. “Esta asociación”, sinala o CITIC, “caracterízase por contar con algunhas das universidades e grupos de investigación de maior recoñecemento a nivel europeo, ademais de empresas de recoñecido prestixio internacional”.
Na reunión estanse a discutir, principalmente, os obxectivos dos topics correspondentes, e a consonancia entre as problemáticas tecnolóxicas a abranguer desde os proxectos. Ademais, téntase pechar a estrutura do proxecto work packages e o desenvolvemento e axuste dos contidos.

PUBLICIDADE