O CITIC salienta o número e o potencial dos seus proxectos impulsados en 2014

luns, 19 de xaneiro do 2015 Redacción

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC) fixo reconto da intensa actividade desenvolvida no seu seo ao longo do ano que vimos de deixar atrás, unha actividade que se traduciu nunha manchea de proxectos dirixidos, en parte, a garantir o avance e a excelencia na investigación e a innovación aplicada ás TIC. Ademais, buscouse a través desta longa serie de iniciativas “fomentar a transparencia de coñecemento e resultados á sociedade”. En definitiva, segundo informa o CITIC, o 2014 foi sen dúbida un ano “de grandes logros”.
O centro tecnolóxico galego salienta, entre outras, as seguintes iniciativas desenvolvidas ou en desenvolvemento:
· ToVIAS. Análise e visualización de nubes de puntos, unha ferramenta multiplataforma para a visualización de nubes de puntos que permita a xestión e manipulación de grandes volumes de datos, obtidos a partir dun escáner Lidar ou Kinect.
· VGLiDAR. Visualizador de datos LiDAR, que permite determinar a distancia desde un emisor láser a un obxecto ou superficie utilizando pulsos láser e crear unha representación tridimensional do terreo.
· Beholder. Visión Artificial aplicada ao comportamento de obxectos e persoas: unha ferramenta que aplica as técnicas de visión artificial para o estudo do comportamento de obxectos e seres humanos a través da análise dinámica de trazados.
· LocYu. Localización en interiores. Tirando partido de tecnoloxías de curto alcance, o CITIC desenvolveu dous sistemas: LocYu Rutas (para desprazarse polo interior de edificios) e LocYu Infraestruturas (orientado á detección de persoas e obxectos en interiores).
· SmartSocket. Enchufe intelixente que evita incendios e electrocucións, controlábel a distancia e con capacidade para monitorizar constantemente o consumo dos aparellos eléctricos conectados a el.
· Syntheractive. Vídeo Sintético Interactivo, un proxecto que deseña e constrúe un prototipo dun sistema distribuído capaz de xerar vídeo sintético e codificalo en tempo real.
· VADEMA. Sistema de Visión Artificial para a Medición de Deformacións en Materiais. O método empregado utiliza técnicas avanzadas de procesado para obter información a partir das imaxes de ensaios de resistencia.
· DIASI. Detección Intelixente de Anomalías en Sistemas Industriais. Unha liña de investigación que amosa como se poden empregar técnicas baseadas en Intelixencia Artificial para a análise automática dos datos proporcionados por un sistema de seguimento, en tempo real, instalado nos sistemas críticos de calquera instalación industrial.
·FilmYou, When Recommenders Met Big Data, un motor de recomendación baseado nun sofisticado algoritmo de filtrado colaborativo que é quen de xerar recomendacións personalizadas.
· MiaSoft, Monitorización Intelixente de Apneas / Hipopneas, un software integrado para o seguimento intelixente da Síndrome de Apneas/Hipopneas do Sono que analiza os sinais rexistrados en pacientes sometidos a polisomnografía nocturna.
· MODES, Modelado, Optimización e Inferencia Estatística. A área Tecnolóxica de Estatística e Investigación Operativa do CITIC traballa para prestar servizos de estatística ao tecido socioeconómico coa aplicación de métodos estatísticos na resolución de problemas de diversa índole.
Como lembraremos, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) é un centro tecnolóxico impulsado pola Universidade de Coruña e emprazado no Campus de Elviña que centra unha boa parte do seu traballo en xerar puntos de encontro entre a UDC e as empresas da contorna. Arestora, no CITIC desenvolven o seu labor máis de 100 investigadores dos sectores público e privado nunhas instalacións formadas por dous edificios modulares e intelixentes dende os que se impulsan importantes tarefas de transferencia tecnolóxica amais de pioneiros proxectos de innovación en materia TIC.

PUBLICIDADE