O CITIC participou no Foro Europeo para a Ciencia xunto con dous milleiros de profesionais

martes, 10 de marzo do 2015 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) estivo un ano máis no Foro Europeo para a Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, o Foro Transfire (oficialmente Foro Transfiere), que na súa cuarta edición confirmou o seu tirón en materia de transferencia tecnolóxica, un ámbito de traballo no que o centro coruñés ten unha longa experiencia. Segundo nos contan dende o CITIC, os investigadores do centro galego asistiron a Málaga (sede do foro) entre os días 11 e 12 de febreiro xunto con outros dous milleiros de profesionais da Investigación e o Desenvolvemento (I+D) para participar na longa listaxe de presentacións e xuntanzas que, en palabras do CITIC, “non fixeron máis que fomentar a transferencia, obxectivo principal do encontro”.
Ou sexa, que dende o primeiro elemento até o último estiveron dispostos para que os nosos investigadores ampliasen horizontes en todo aquilo que tivese que ver co fluxo de experiencias e de achados dende os centros de I+D ás empresas (e viceversa, con feitura de feedback).
Segundo engaden fontes do complexo tecnolóxico do Campus de Elviña ao fío da súa participación concreta no evento, neste buscáronse ante todo sinerxías e alianzas que trasladasen os resultados da investigación e o coñecemento que se xera no centro de investigación ao sector empresarial e repercutan, polo tanto, no uso que o cidadán fai das tecnoloxías de maneira cotiá. Nos días previos á celebración da xuntanza, Jesús M. Díaz, responsábel de Promoción Tecnolóxica do CITIC e representante do centro galego en Transfire, explicou que un dos principais obxectivos ía ser sen dúbida fomentar a transferencia tecnolóxica, “facendo chegar ás empresas e sociedade os beneficios das investigacións”. E engadía: “A participación nestes acontecementos é moi importante para dar a coñecer toda a nosa capacidade, as nosas 12 áreas tecnolóxicas e os traballos que realizan os máis de 250 investigadores adscritos ao CITIC”.
Para o CITIC, a edición de 2015 será lembrada polo papel relevante que xogou a internacionalización, grazas á participación de entidades públicas (universidades e grupos de investigación) e privadas procedentes de distintos países da Unión Europea. “Agora”, explican, “quedan por diante 12 meses de traballo para que o acontecido durante o foro chegue a bo porto e continuar dando a coñecer as capacidades e proxectos de investigación do CITIC”.

PUBLICIDADE