O CITIC organiza unha conferencia sobre enfoques áxiles na xestión de proxectos

xoves, 1 de setembro do 2011 Redacción

Mario López de Ávila nunha conferencia sobre Agile Innovation

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da información e as Comunicacións (CITIC) organiza, en colaboración coa Facultade de Informática da Universidade da Coruña, a Conferencia aberta Risk Management in Agile Projects: Un enfoque adaptativo da xestión de riscos en proxectos e organizacións que será impartido por Mario López de Ávila Muñoz o vindeiro 22 de setembro nas dependencias da Facultade de Informática en horario de 09:30 a 13:30 horas.
A conferencia enmárcase dentro do Plan de Formación continua que está a desenvolver o CITC co fin de promover un dos seus eixes fundamentais de actuación, a transferencia de coñecemento aos sectores público e empresarial.
Como parte desta transferencia e co fin de alcanzar maior transmisión do coñecemento expoñeranse a todos os asistentes, ademais da temática propia do evento, os coñecementos adquiridos na formación previa a esta xornada, Introdución ao Mundo Agile en Xestión de Proxectos, dos días 20 e 21 de setembro, e onde participasen os axentes máis representativos do tecido empresarial galego.
O obxectivo deste evento é introducir os asistentes nun marco xeral de xestión de riscos en proxectos Agile, así como algunhas das técnicas máis eficaces para manexar os riscos nun contexto áxil. Xunto con técnicas específicas do Risk Management preséntanse outras procedentes do Pensamento Lateral, a Toma de Decisións ou a Teoría das Limitacións.
O CITIC dirixe esta Conferencia a profesionais do Sector TIC, investigadores, estudantes, e profesionais familiarizados coa problemática dos proxectos TIC e que queiran coñecer os novos enfoques áxiles aplicados á Xestión de Proxectos.
Para asistir a esta xornada os interesados deberán inscribirse vía correo electrónico antes do 20 de setembro incluíndo o nome e cargo dos asistentes, empresa ou institución á que representan, correo electrónico e teléfono de contacto.

PUBLICIDADE