O CITIC, o CHUAC e o INIBIC celebraron unha produtiva xornada de traballo

venres, 7 de xuño do 2013 Redacción

Onte tivo lugar no Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC) a I Xornada de Traballo entre o Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e representantes do CITIC, encontro no que se abordaron os proxectos que estas entidades están preparando na actualidade e que poderán crear vínculos de colaboración.
Entre o case medio centenar de participantes que se citou no CITIC atopáronse algúns membros do Consello Reitor do INIBIC como José Manuel Vázquez Rodríguez, director de Organización e Xestión Clínica do CHUAC e Francisco J. Branco García, director científico do INIBIC e coordinador de Investigación do CHUAC, ademais de directores de áreas do INIBIC como Guillermo Vázquez González, coordinador da Área Tecnoloxías da saúde, Informática, Biomedicina e Telemedicina do INIBIC e Subdirector Sistemas de Información - Xerencia de Xestión Integrada da Coruña.
A xornada foi inaugurada por Bertha Guijarro, coordinadora do CITIC, e a continuación Jesús Díaz, responsable de Promoción Tecnolóxica do CITIC, presentou as capacidades do Centro Tecnolóxico en Saúde, con proxectos de asesoramento médico e apoio ao diagnóstico tales como monitorización das apneas do sono (MIASOFT) ou seguimento de rehabilitación fisioterapéutica.
Entre os representantes do CITIC atopáronse algúns dos máis dos seus 250 investigadores e Investigadores Principais das súas 12 Áreas de actividade. Entre as áreas e proxectos que se presentaron atópanse:
· A área de Intelixencia artificial mostrou un sistema de monitorización intelixente do estado antenatal e monitorización fetal.
· A área de Procura e Recuperación de Información deu a coñecer tres proxectos realizados utilizando tecnoloxía de minería de textos en temática socio sanitaria: Detección de predadores sexuais, clasificación de historias clínicas e verificación de protocolos clínicos
· A área de Sistemas de Comunicacións Sen Fíos realizou unha demostración da plataforma de localización de interiores en tempo real cun prototipo adaptado ao edificio do CITIC. As aplicacións en saúde son varias como a trazabilidade de pacientes e recursos hospitalarios. · A área de Procesado de Imaxes Dixitais presentou diversos sistemas de apoio ao diagnóstico baseados en imaxe e vídeo:

  1. SIRIUS; análise da microcirculación retinaria que axuda ao especialista na detección temperá da diabetes, hipertensión ou riscos coronarios e cerebrais.
  2. Plataforma IDEAS, utilizada na detección da síndrome do ollo seco que afecta á contorna ao 15% da poboación, especialmente entre usuarios de lentes de contacto.
  3. Mellora das audiometrías mediante a detección automática de respostas e estímulos a través de vídeos

· A área de Redes Neuronais mostrou catro proxectos das TIC aplicados a temas sanitarios:

  1. Proxecto PHR 2.0: Rexistro persoal de saúde en web 2.0. Rede social especializada para usuarios coa mesma enfermidade que permite compartir información.
  2. Tele-UCI: Sistema de toma de decisións en UCI baseado en ontoloxías
  3. In-TIC: TIC en persoas con diversidade funcional, por exemplo autismo.
  4. Posibilidades de Telemedicina en patoloxía cardiovascular

Axudas do programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas: Agrupación Estratéxica CITIC (CN2012/211). Cofinanciado por::

PUBLICIDADE