O CITIC impulsa dous proxectos que exemplifican o camiño a seguir en materia de transferencia

xoves, 29 de xaneiro do 2015 Redacción

Un dos alicerces fundamentais sobre os que se sostén a misión do Centro de Investigación en Tecnoloxías de la Información e as Comunicacións (CITIC), é situarse como punto de encontro entre a Universidade e a Empresa. A combinación dos departamentos de I+D das empresas e os investigadores universitarios da lugar a un entorno mixto que posibilita a colaboración e a transferencia de coñecementos. Dous proxectos que teñen visto a luz no seo do CITIC son a mellor mostra disto. En primeiro lugar, o proxecto europeo, que se enmarca dentro de Horizonte 2020, de Doutorado Industrial en Finanzas Cuantitativas.
En dito proxecto participan, ademais da Universidade da Coruña e as súas homónimas de Bolonia e Delft, o Centro de Investigación Matemática de Amsterdam e empresas procedentes de España – Banco Santander e Analistas Financeiros Internacionais- Italia e Holanda.
Trátase un programa de formación e investigación para realizar formación doutoral no eido das finanzas cuantitativas. O programa manifestou dende o primeiro momento a necesidade de implicar ás empresas, xa que os doutorandos teñen 18 meses de estadía nelas e outros tantos na universidade e o seu carácter internacional.
Aqueles doutorandos que realicen a súa tese en A Coruña poderán abordar temas relacionados co sector asegurador e financeiro, como o risco de modelo -que xorde á hora de elixir os modelos que seguen a evolución dos tipos de interese, os activos financeiros, os tipos de cambio– ou o uso de ALM para a valoración de grandes carteiras de compañías de seguros (o cal require de técnicas sofisticadas de modelado, o calibrado axeitado dos parámetros e, sobre todo, un custo computacional elevado).
A posta en marcha deste proxecto formalizouse o 1 de xaneiro deste ano e agora atópase na primeira etapa, na de convocatoria, co fin de que os alumnos se incorporen entre os meses de xullo e setembro de 2015. Carlos Vázquez Cendón, Catedrático de Matemática Aplicada e Corresponsable da Área Tecnolóxica do CITIC de Matemática Aplicada e Estatística e Investigación Operativa, apunta que “o proxecto diríxese a alumnos con perfís moi bos, formados en finanzas cuantitativas, métodos numéricos e matemáticas, que busquen un ambiente interdisciplinar e aposten pola internacionalización”.
O segundo exemplo da perfecta simbiose entre universidade e empresa no CITIC é Prowess. Este proxecto europeo, consistente na creación de ferramentas e técnicas para testar software, dando garantías do seu correcto funcionamento e preparándose para ofrecer alternativas, chega este 2015 ao seu remate, despois de 3 anos de traballo.
O obxectivo do proxecto? Dotar ás empresas desenvolvedoras de software de ferramentas rápidas e automáticas que lles permitan someter aos seus produtos a un proceso de proba sistemático e eficiente. Desde xeito, conséguese mellorar e garantir a eficacia dos produtos antes de que estes sexan postos a disposición dos usuarios finais, o cal redunda nunha mellora da competitividade das empresas.
Para iso, no proxecto interveñen, dende España, a Universidade da Coruña, a Universidade Politécnica de Madrid e a spin-off da UDC, Interout. Ademais, participan universidades procedentes de Reino Unido e Suecia. Laura Castro, investigadora da Área Tecnolóxica de Sistemas Distribuídos e Arquitecturas orientadas a servizos do CITIC, afirma que “as empresas xa son plenamente conscientes de que os procesos e ferramentas de proba deben atopar o erros e solventalos de xeito rápido e automático, para o cal resultan imprescindibles este tipo de investigacións”.

PUBLICIDADE