O CITIC ábrenos as portas aos seus proxectos de transferencia, nos que traballan máis de 200 investigadores

mércores, 13 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

Bertha Guijarro, coordinadora do centro de I+D coruñés

A innovación galega baseada nas posibilidades do dixital ten un dos seus eixes fundamentais, básicos, no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Coruña. Este espazo de I+D, impulsado pola UDC, salienta entre outras moitas cousas pola marcada vertente social de tódolos proxectos que acubilla: semellan ter sido postos en marcha para favorecer cuestións como a inserción, a mellora da atención sanitaria ou a loita constante e firme contra a fenda dixital. Asemade, as súas iniciativas son casas abertas: fomentan a colaboración e o fluxo cara a fóra do que alí se xera, ou sexa a transferencia. Máis que nunca, estamos ante un achegamento entre universidade e empresa, a día de hoxe contando con máis de 200 investigadores fornecendo a súa experiencia e procedentes dos sectores público e privado, galegos e de máis alá. Segundo nos recorda a coordinadora do CITIC, Bertha Guijarro Berdiñas, no último lustro o centro ten traballado en arredor dun centenar de proxectos de transferencia. Na súa opinión, este alicerce de colaboración, esta xuntanza de forzas distintas, é algo natural e lóxico que en centros o CITIC faise simple. A fin de contas, di, “a Universidade é unha fonte de talento e coñecemento que as empresas han de ter en conta e unha gran parte do futuro empresarial encóntrase no presente universitario”.
-Bertha, cal é, para entendernos, o gran cometido do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, tamén coñecido como CITIC, que non podemos deixar de destacar? Levar os máis innovadores achados na dita materia á sociedade e ao tecido empresarial galego?
-O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) é un centro Tecnolóxico impulsado pola Universidade da Coruña, para fomentar a I+D+i aplicada nas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Supón un punto de encontro entre universidade e tecido produtivo no que se combinan departamentos de investigación de empresas con investigadores universitarios, constituíndo un ámbito mixto que posibilita a colaboración e a transferencia de coñecementos. Todos os proxectos que se levan a cabo no CITIC son de investigación aplicada e en colaboración coas empresas, partindo do obxectivo de redundar sobre a sociedade achegando beneficios tanxibles mediante a incorporación das novas tecnoloxías. Nos últimos cinco anos o CITIC ten colaborado en torno a 100 proxectos de transferencia tecnolóxica.
-Como se leva o coñecemento xerado polo centro que vostede dirixe á sociedade e ás empresas? Como se soluciona no CITIC a suposta falta de comunicación entre universidade-empresa que os máis críticos din que unha das grandes eivas do sistema de investigación galego?
-O que realmente importa tanto á Universidade como á empresa é obter novas ferramentas de innovación para poder mellorar os niveis de produción. A Universidade é unha fonte de talento e coñecemento que as empresas han de ter en conta, unha gran parte do futuro empresarial encóntrase no presente universitario, non só polos estudantes que tarde ou cedo pasarán a formar parte das empresas; tamén polos proxectos de investigación que se realizan dende ela ou en centros como o CITIC. Dende o CITIC temos unha comunicación constante co tecido empresarial galego e nacional, ademais de con diferentes organismos institucionais. Participamos en eventos ou foros nos que presentar os nosos proxectos, ademais de organizar cursos, talleres e xornadas orientadas a empresas e investigadores para que coñezan de primeira man os proxectos que se están levado a cabo e as súas diferentes aplicacións. Recentemente participamos en Transfiere, o foro máis importante en España do sector I+D+i que desenvólvese en Málaga e no que mantivemos diferentes reunións coa administración andaluza en torno ás SmartCities. En definitiva, adoptamos unha actitude dinamizadora e proactiva respecto á transferencia de tecnoloxía, tratando de implicarnos e implicar ás empresas de noso arredor en todas as oportunidades que xorden.
-Cantos investigadores traballan a día de hoxe ligados ao centro coruñés? Proceden do ámbito público ou tamén do privado?
-Na actualidade no CITIC traballan máis de 200 investigadores dos sectores público e privado distribuídos entre 12 áreas tecnolóxicas de actividade e 11 grupos de investigación.
-Avalíenos o estado de saúde actual do CITIC. Igual que se lle tomásemos o pulso. Podemos dicir que haberá CITIC para rato?
-Por suposto. Malia que aínda queda moito camiño por percorrer, a innovación recoñécese como unha vía de mellora para as empresas. Por un lado, os investigadores estamos moi concienciados da necesidade de poñer os resultados da nosa investigación en práctica ao servizo da sociedade, e tamén as empresas son cada vez máis conscientes do enriquecedor que resulta a colaboración con centros de investigación e universidades. Neste sentido, o papel de centros como o CITIC é, sen dúbida, cada vez máis importante. E por outro, resultan moi positivas e fundamentais certas accións por parte a Administración, como a recente creación da GAIN, as convocatorias Innterconecta ou a Compra Pública Innovadora, que se encargan de recordarnos a importancia desta colaboración.
-Que destacaría, brevemente, do ano que vimos de deixar atrás en materia de Investigación e Desenvolvemento xurdida do centro que vostede dirixe? De que exemplos concretos de proxectos do CITIC cre que debemos sentirnos orgullosos as galegas e os galegos?
-En 2012 todos os grupos de investigación que integran o CITIC tiveron unha grande actividade, desenvolvendo un gran número de proxectos que presentamos a empresas e administracións e que recibiron unha grande acollida. Por exemplo, presentamos 25 solucións innovadoras para as iniciativas InnovaSaude e H2050 promovidas polo SERGAS co fin de cubrir as necesidades actuais e futuras do sistema sanitario galego. Entre estas propostas encóntranse monitorizacións activas, sistemas intelixentes para a detección precoz de enfermidades crónicas ou sistemas de e-dinamización para a promoción e seguimento de vida saudable. Tamén habemos de destacar algúns dos proxectos do Grupo de Investigación en Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) como a patente que obtiveron en Estados Unidos do proxecto SIRIUS que estuda a microcirculación retiniana ou o proxecto do grupo LIDIA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial) que bota luz ao diagnóstico da apnea do sono. Recentemente o Concello da Coruña fixo público a resolución do concurso sobre SmartCity no que participaremos activamente dentro do consorcio de empresas que resultaron adxudicatarias; de feito, xa estamos a levar a cabo iniciativas nesta liña como o PIMUS, Punto de Información Intelixente para a Mobilidade Urbana Sostible, presentado como proxecto piloto para o Concello da Coruña. Sen ser un proxecto de investigación, tamén me gustaría destacar o I Fórum Colaboración Universidade-Empresa: Oportunidades de financiamento en I+D a empresas TIC que organizamos dende o CITIC, encontro no que participaron 80 representantes de 50 empresas do sector TIC, Centros Tecnolóxicos e grupos de investigación.
-En que áreas de traballo poderíamos dicir que destaca o Centro? É certo que a e-Saúde é un dos seus puntos fortes?
-Pola diversificación que presentamos nas nosas áreas de actividade resulta complicado destacar unha por enriba doutra, algunhas delas son máis vistosas porque teñen unha repercusión máis social como pode ser o ámbito da saúde, algo que nos afecta a todos. En total as nosas áreas de actividade son:
- Busca e Recuperación de información para a empresa e a administración
- Integración de aplicacións e Información
- Intelixencia Artificial e Aplicacións
- Matemática Aplicada e Estadísticas e Investigación Operativa
- Media en Rede e Fogar Dixital
- Métodos de Usabilidade e Validación de Sistema
- Procesado de Imaxes Dixitais
- Sistemas de Comunicacións Sen Fíos
- Sistemas de Información en Web
- Sistemas de Información Xeográfica
- Sistemas Distribuídos e Arquitecturas orientadas a servizos
- Supercomputación ou Computación de Altas Prestacións (HPC)
E as súas aplicacións son múltiples, dende a saúde que comentabamos, ata buscas de información, predición de risco de incendios, a domótica ou a trazabilidade.
-Cales son os obxectivos do CITIC no que respecta ao desenvolvemento galego? Credes que tendes algo que aportar para sacar á nosa terra do furgón de cola da Unión Europea?
-Nun panorama como o galego, onde a maioría das empresas son microPEME que non se poden permitir manter departamentos de I+D, o CITIC pode xogar este papel e axudarlles a producir solucións innovadoras que as fagan diferenciarse das demais. O noso compromiso coas empresas galegas é máximo, aínda sendo conscientes de que é necesario moito traballo para que se produza unha colaboración fluída e continua entre empresas e centros de investigación. Aínda quedan moitas empresas que descoñecen que esta relación pode ser fonte de éxito, e que neste labor de concienciación e de darnos a coñecer traballamos cada día.

PUBLICIDADE