O CESGA e o ITER-Canarias compartirán supercomputación

venres, 19 de setembro do 2014 Redacción

Imos ter máis colaboración entre o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e o tecido de I+D de Canarias. Trátase dunha liña traballo conxunto que non é nova e que, como lembraremos, deu xa froito a través de interesantes achegas de recursos compartidos como a desenvolvida este pasado verán para pór nos nosos fogares xanelas directas a un dos fenómenos da natureza sen dúbida máis espectaculares: as auroras boreais. Pois ben, hoxe puidemos saber que o centro galego e as Illas Canarias van ampliar os seus vieiros de cooperación. Máis polo miúdo, compartirán capacidade de supercomputación para mellorar o servizo ás PEME e aos investigadores das dúas comunidade autónomas. Así o deron a coñecer o presidente do CESGA, Manuel Varela, e o director do ITER-Canarias, Manuel Cendagorta-Galarza López.
Xa nun plano aínda máis concreto, sinalar que o convenio asinado permitiríanos acceder á potencia do supercomputador Teide, que arestora pasa por ser o segundo máis potente do eido estatal, só superado polo barcelonés Mare Nostrum. Este apoio do Teide farase efectivo, sinalaron, “cando se produza un pico de demanda de recursos do CESGA”. Con este obxectivo, o acordo abrangue a integración dunha nube común de computación privada.
O convenio tamén dá acubillo a medidas para impulsar unha colaboración máis ampla en investigación, por exemplo a posta en marcha dun plan de mobilidade de investigadores e tecnólogos entre os dous centros, a coordinación dos seus plans de formación ou a posibilidade de traballar conxuntamente no eido da difusión e divulgación da computación de altas prestacións. Segundo fixeron saber Varela e Cendagorta-Galarza, “ambos centros abren a porta ao desenvolvemento de proxectos específicos de I+D+i realizados de forma conxunta e á participación conxunta en organismos de xestión de infraestruturas de supercomputación”.
Varela tamén fixo referencia ao apoio recente ao CESGA recibido da man do Goberno galego, un apoio do que falamos en detalle dende Código Cero salientando que se trata de 300.000 euros para ampliar, entre outras cousas, a capacidade do superordenador virtual galego nun 70%. Estes reforzos, engadiu Varela, completaranse coa adquisición do supercomputador FinisTerrae II, ao que o Goberno galego e o Ministerio de Economía e Competitividade destinarán 3,6 millóns de euros. “A nova infraestrutura multiplicará por 20 a capacidade de cálculo do seu predecesor, ampliando as posibilidades que se prestan aos investigadores e as PEME galegas”, explicou o presidente do CESGA.

PUBLICIDADE