O CESGA celebra o Día Internacional das Rapazas e as TIC

xoves, 23 de abril do 2015 Redacción

Hoxe celébrase unha data crucial para rematarmos nun futuro próximo coa fenda dixital de xénero (de uso, de formación, de profesión). Falamos do Día Internacional das Rapazas e as TIC. Na nosa terra, o centro de actividade está no Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, a partir das 12.30 horas, con presentacións de casos de éxito de emprendemento TIC feminino, debates e relatorios presididos pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e máis polo director do CESGA, Javier García Tobío.
Logo da benvida a cargo de García Tobío está prevista a intervención (ás 12.35) do presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, quen participou hai pouco na presentación dun estudo temático moi relacionado coa celebración de hoxe, do que falamos en detalle en Código Cero. Despois da mensaxe do presidente do CPEIG, serán as quendas de María Eugenia Pérez (subdirectora xeral de Formación Profesional), de Sonia Pazos (directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación) e Susana López Abella.
Arredor das 12.55 horas chegará o miolo da celebración, coa presentación conxunto de diferentes experiencias e visións de tres emprendedoras tecnolóxico-dixitais. Participan na mesa rendonda Verónica Ramallal, socia fundadora de Pekecha.com, Máría Rosa Vázquez (CEO de Appentra) e Mariel Martínez Estévez (cofundadora de Ameiga). Ás 13.25 celebrarase unha rolda de intervencións dende o centros de secundaria galegos que participan nos festexos hoxe, conectados por multiconferencia. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, está programado un obradoiro aberto para escolares de entre 10 e 14 anos e máis unha visita guiada polo CESGA, incluíndo unha sesión práctica achegar á rapazada a linguaxe dos computadores de xeito sinxelo e ameno.

PUBLICIDADE