O CESGA abre nova convocatoria para que as PEME tiren proveito dos seus recursos de computación

venres, 24 de abril do 2015 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) quere avanzar en achegamento ás empresas galegas e do norte de Portugal. Dito doutra maneira: quere ir un paso máis alá nun hábito que xa vén relativamente de antigo, o de ofrecer a súa infraestrutura para a supercomputación e para o procesado masivo de datos en proxectos de investigación e desenvolvemento. Estes obxectivos vanse canalizar a través da Convocatoria de Acceso a recursos de Computación e Procesado Masivo de Datos para PEME, unha iniciativa que se dirixe a dar servizo a empresas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Amais de apoiar con infraestrutura os seus proxectos de I+D, o CESGA tamén quere contribuír á formación do persoal das empresas en recursos de computación de altas prestacións e o que se coñece como Big Data.
O obxectivo da convocatoria, en palabras do centro galego, é “facilitar ao sector o acceso a estes recursos computacionais, para que as PEME melloren a súa competitividade internacional a través do desenvolvemento de novos procesos, produtos ou servizos”. A iniciativa, máis polo miúdo, abrangue as tecnoloxías de calquera dos servizos de computación do CESGA, financiadas pola Xunta de Galicia, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o programa POCTEP. Os tipos de acceso posíbeis son os seguintes: acceso telemático (acceso a horas de cálculo de xeito non presencial) e acceso presencial (estadías de investigación e desenvolvemento, innovación e formación, a levar a cabo de maneira exclusiva no propio CESGA).
Como dixemos, amais da posibilidade de empregar a fondo os recursos computacionais do centro galego, as empresas seleccionadas recibirán a formación precisa sobre o emprego e aproveitamento dos ditos recursos, técnicas de paralelización e soporte por parte dos técnicos do CESGA para executar o proxecto proposto.
As PEME innovadoras que queiran facer uso destes servizos teñen que solicitar o acceso a través dun formulario que poderán obter a través dunha web específica do CESGA, icts4pyme.cesga.es, onde ademais terán á súa disposición datos complementarios sobre as condicións do acceso e a forma de solicitude, que poderá facer do 6 ao 30 de abril de 2015 (até as 17 horas) . Este acceso está enmarcado dentro do Programa de Colaboración Transfronteiriza (POCTEP), a través do proxecto CloudPYME2 con referencia 0682_CLOUDPYME2_1_E.

PUBLICIDADE