O Bubble Zoom facilita a lectura de cómics mercados en Google Play Books

xoves, 21 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Aínda que a plataforma de venda electrónica de banda deseñada de referencia é sen lugar a dúbidas ComiXology, que ofrece versións dixitais dos cómics cunha elevada resolución e a posibilidade de ler nun revolucionario sistema de navegación por viñetas, as tendas dixitais de libros electrónicos non deixan de lado as historietas, e unha que quere coidar máis ese apartado é Google Play Books, que presenta unha nova solución para facilitar a lectura de banda deseñada en teléfonos e tabletas: o Bubble Zoom.
Esta solución para unha lectura de cómics máis confortable presentouse no marco da Comic-Con de San Diego, e consiste nun sistema de recoñecemento de obxectos que identifica os cadros de texto e diálogo das páxinas, permitindo que nun toque poidan ampliarse temporalmente para unha lectura máis doada á vez que se mantén a vista global da páxina, de xeito que non se perde o contexto como pasaría se simplemente fixésemos zoom ou navegásemos viñeta a viñeta.
Esta funcionalidade está dispoñible na nova versión de Google Play Books para Android como unha proba técnica que polo momento se aplica ás coleccións de Marvel e DC, que co código SDCC2016 terán un 50% de desconto até o 24 de xullo. Tras a fase de probas prevén levar esta tecnoloxía a todos os cómics do catálogo de Google Play Books.
Aínda que dende Google anuncian esta prestación como unha grande innovación, a aplicación multi-plataforma Comic Reader Mobi xa conta cunha funcionalidade semellante dende o seu lanzamento para iOS hai 7 anos e que tamén leva anos presente en Google Play.

Vídeo no que explican a tecnoloxía e o funcionamento do Bubble Zoom

PUBLICIDADE